Ribadeo, 12 de decembro de 2025. A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo repartirá a vindeira semana 100 bobinas de papel de regalo e 200 de etiquetas entre os establecementos comerciais asociados.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, subliñou que “esta acción enmárcase dentro da forte aposta que desde a asociación facemos un ano máis pola campaña de Nadal. Temos en marcha desde hai días a XV Festa do Comercio, que culminará o 10 de xaneiro co sorteo dunha viaxe a Menorca para dúas persoas e de 5.000 euros en vales de compra para consumir nos establecementos asociados. E agora engadimos o reparto destes materiais gratuítos”.
O xerente do colectivo empresarial, Jesús Pérez, explicou que “este papel, do que se repartirán 100 bobinas nun único modelo de 70 centímetros de ancho, fan un total de máis de 8.000 metros para que os comercios asociados poidan facer os seus paquetes de regalo este Nadal. Está decorado co logotipos de Acisa e motivos ribadenses en cores azul e branco e cumpre coas normas de respecto ao medio ambiente, xa que é 100 % biodegradable. Pola outra banda, tamén se repartirán 200 rolos de etiquetas de regalo, que son un total de 20.000 unidades, que inclúen a mensaxe Grazas, agasallo feito no comercio local, especialmente para ti en cores negro e dourado”.
Pérez engadiu que “con esta iniciativa búscase a redución de custes aos nosos asociados e asociadas, aforrándolles estes materias aos establecementos na época de maior gasto, e ademais unificamos a imaxe comercial dos negocios asociados a Acisa Ribadeo”.
Cruzado Iglesias dixo que “este material está financiado por fondos propios de Acisa para facilitar materiais os nosos asociados e asociadas de forma gratuíta, como vimos facendo desde hai anos coas bolsas do comercio ou coas bolsas e outros materiais para a hostalería. Esperamos que este Nadal o novo papel de regalo e as etiquetas de Acisa enchan de agasallos as casas da nosa vila”.
Últimos días para colaborar coa Cabalgata de Reis
Desde Acisa lembran que “o día 15 de decembro remata o prazo para que as empresas que o desexen poidan colaborar economicamente coa organización da Cabalgata de Reis. Queremos recordar a importancia que ten este evento, tanto para o comercio e a hostalaría de Ribadeo, pero especialmente para a veciñanza e os máis pequenos da nosa localidade. Canto mais podamos recadar, mellor e mais diferente será a nova Cabalgata que está a organizar o Concello coa colaboración de Acisa Ribadeo”.
E insisten: “hai varias formas de colaborar coa Cabalgata, con donativos voluntarios de entre 30 a 100 euros ou con patrocinios aportando entre 200 e 500 euros. Para elo so hai que poñerse en contacto con Acisa no correo info@acisaribadeo.es ou no WhatsApp 663 39 62 26. Ademais as empresas que o desexen tamén poden doar caramelos para poder ser lanzados dende as carrozas nas que os Magos de Oriente percorrerán as rúas de Ribadeo. E unha terceira maneira de colaborar é facilitando caixas de regalo envoltas dos comercios de Ribadeo e entregándoas nas oficinas de Acisa antes do 22 de decembro”.
O xerente de Acisa Ribadeo engadiu que “a dia de hoxe unhas 50 empresas xa aportaron o seu grao de area para este importante evento, pero creemos que poden ser máis as que se sumen. Nestes momentos contamos cuns 3.000 euros en donativos que xunto coa achega de Acisa fan uns 4.000 euros, pero gustaríanos poder ampliar un pouco mais esa contía para facer unha Cabalgata mellor e diferente”.










Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.
Villares detallou algunhas destas accións no encontro empresarial organizado en Vilalba pola organización profesional BNI LOU VCR Breogán, un grupo de networking integrado por unha trintena de empresarios e profesionais da provincia. Entre outras, referiuse ás axudas para favorecer o establecemento dos traballadores autónomos ou para o fomento da contratación; os plans do Igape para a expansión e innovación do tecido produtivo, ou as iniciativas de formación. “Apoiar as empresas, as pemes e aos autónomos é apoiar o futuro do territorio”, afirmou.
A principal será o regreso das carrozas dos pobos o domingo 27, recuperando unha tradición histórica. O venres abrirase coa charanga e verbena; o sábado haberá sesión vermú, verbena e fogos; o domingo, música dos sesenta e setenta, desfile de carrozas e festa dos oitenta; o luns, actividades para a infancia e reparto do bollo; e o martes, misa solemne, procesión e verbena final. O Concello de El Franco destaca o labor da Sociedade de Fiestas e o valor de recuperar tradicións e avanzar cara a unhas festas máis inclusivas.
Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.



