A xunta de goberno aprobou tamén este venres un convenio de colaboración coa Pontenova para financiar con 250.000 euros diferentes actuacións, como a mellora da antiga escola unitaria de Vilaodriz, que actualmente funciona como local social
Lugo, 18 de setembro de 2026. A xunta de goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres diferentes medidas que teñen que ver coa atención ás persoas maiores, a mellora das infraestruturas e dos servizos públicos, o acondicionamento da rede viaria provincial e a consolidación do emprego público. Así o informou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, no Pazo de San Marcos na rolda de prensa posterior á reunión semanal.
Reactivar a residencia de Guitiriz, que contará con 46 prazas, foi un dos puntos máis destacados que se aprobou na xunta de goberno. Nese sentido, quedou aprobada a liquidación do contrato da obra da Casa da Botica e a determinación dos danos e perdas causados polo incumprimento da empresa, que está en concurso de acredores.
“Estamos falando dun contrato que adxudicamos no 2023 por 1,9M€ e un prazo de execución de 18 meses”, relatou García Porto. A empresa obtivo unha ampliación de nove meses, ata xullo de 2025, pero chegado ese momento a construción tiña menos do 40% de execución.
Os informes técnicos da Deputación detectaron un incumprimento do prazo de execución e das obrigas esenciais do contrato. Por ese motivo, a institución acordou resolver o contrato seguindo todo o procedemento administrativo correspondente.
Sinalou a deputada que “o importante deste acordo é que nos permite seguir adiante co Centro de Atención a Maiores (CAM) de Guitiriz. Porque como xa fixemos no caso da Pontenova, a Deputación non vai deixar que o incumprimento dunha empresa paralice unha infraestrutura social que os veciños de Guitiriz necesitan e que esta institución está decidida a sacar adiante”.
Tragsa rematará o CAM con máis de 3M€
Aprobada ademais na xunta de goberno un novo convenio de colaboración por un total de 3,25 millón de euros para a construción da residencia e os gastos asociados á nova adxudicación. A Deputación asume a totalidade do incremento necesario, ata os 3,13M€, e o Concello de Guitiriz manterá a achega que tiña, de algo máis de 115.000 euros.
A Deputación encargará a Tragsa o remate da obra. A empresa contará cun prazo de execución máximo de 18 meses desde que se inicien os traballos.
“A Deputación de Lugo está pechando definitivamente a etapa dun contrato incumprido e abrindo a etapa definitiva para rematar o Centro de Atención a Maiores de Guitiriz”, valorou García Porto.
Colaboración coa Pontenova
A xunta de goberno aprobou ademais un convenio de colaboración coa Pontenova. A Deputación de Lugo achegará 250.000 euros a este concello para financiar diferentes actuacións de mellora nas infraestruturas e servizos públicos municipais.
O convenio permitirá financiar a reforma e acondicionamento da escola unitaria de Vilaodriz, que agora funciona como local social, cun investimento de 100.000 euros; a mellora de dous camiños municipais en Cova e Peizais, por máis de 65.000 euros; e a impermeabilización do depósito de auga potable de Vileimil, por máis de 27.000 euros. Ademais, a achega provincial permitirá ao Concello adquirir unha furgoneta eléctrica para as brigadas municipais, subministrar formigón para actuacións de conservación viaria e financiar a pirotecnia das festas patronais de outubro, A Queima dos Fornos.
“Este é un exemplo moi claro de como entendemos nós a cooperación cos concellos: poñer recursos da Deputación á disposición dos municipios para que poidan atender as necesidades concretas da veciñanza”, destacou a voceira socialista.
Máis de 800.000€ para 16 quilómetros de estradas en catro concellos
No ámbito da mobilidade, a xunta de goberno deu este venres un novo impulso á mellora da rede de estradas provinciais con catro actuacións nos concellos de Taboada, Quiroga, Mondoñedo e Ourol que mobilizarán máis de 836.000 euros.
En Taboada, quedou licitada por 223.601 euros a rehabilitación do firme da LU-P-1809, a estrada que comunica Chantada con Antas de Ulla. A actuación afectará ao tramo comprendido entre os puntos quilométricos 12,3 e 15,3, desde Taboada dos Freires ata a altura da parroquia Cal de Mourelle.
As obras, cun prazo de execución de catro meses, consistirán na reapertura de cunetas, pavimentación con aglomerado en quente e reposición da sinalización.
A xunta de goberno aprobou tamén a licitación en Quiroga doutras dúas actuacións por un importe conxunto de 158.374 euros. A Deputación actuará, por unha banda, nos primeiros sete quilómetros da LU-P-5001, entre Ponte Barreiro e Vilarbacú. E pola outra, nun quilómetro da LU-P-5004, que vai de Cruz de Outeiro ao límite coa provincia de Ourense por Ferramulín.
En total son oito quilómetros de estradas provinciais nos que se vai mellorar a drenaxe, rehabilitar a estrutura e rehabilitar o firme, cun prazo de execución de catro meses.
Ademais a xunta de goberno acordou adxudicar dúas actuacións máis, ambas as dúas a OVISA Pavimentos y Obras SLU.
En Mondoñedo, a empresa executará por 220.643 euros a rehabilitación do firme de dous treitos de estradas provinciais, cun prazo de catro meses. O primeiro está na LU-P-3103, a estrada que comunica Lindín con Santa María Maior, entre os puntos quilométricos 6,1 e 7. O segundo corresponde á LU-P-3106, que comunica Os Remedios con Estelo e Romariz, entre os quilómetros 1,7 e 3, un tramo de 1,26 quilómetros.
En Ourol, OVISA Pavimentos y Obras SLU executará por 233.796 euros a rehabilitación do firme da LU-P-3801, a estrada que comunica o núcleo da capital municipal con lugares como O Carme e As Lobeiras. A actuación abrangue tres treitos: desde o inicio da vía ata o quilómetro 1,9; 850 metros á altura do quilómetro 3 e 420 metros á altura do quilómetro 4,400.
Son 3,12 quilómetros nos que se abrirán cunetas, se renovará o pavimento con aglomerado en quente e se repoñerá a sinalización horizontal.
“A Deputación destinará máis de 836.000 euros para actuar sobre máis de 16 quilómetros da rede viaria provincial en catro concellos”, detallou a deputada, que sinalou que “a conservación das estradas provinciais é unha prioridade para a Deputación. Porque nunha provincia como Lugo, cunha rede viaria moi extensa e unha elevada dispersión territorial, manter boas comunicacións é fundamental para garantir a mobilidade da veciñanza, o acceso aos servizos e a actividade económica do rural”.
Novos procesos no ámbito dos Recursos Humanos
Finalmente, a xunta de goberno deu luz verde a dous procesos no ámbito dos Recursos Humanos, que permiten seguir reforzando e estabilizando o cadro de persoal da Deputación. O órgano provincial aprobou a convocatoria para cubrir tres prazas de capataz de camiños e unha praza de condutor, incluídas na Oferta de Emprego Público de 2026 e reservadas á promoción interna vertical.




















O horario será o seguinte: Martes, 20 de outubro: de 9:00 a 13:30 horas e de 15:15 a 18:00 horas. Mércores, 21 de outubro: de 9:00 a 13:30 horas. As persoas interesadas poden solicitar cita previa a través do teléfono 981 92 80 80 ou da páxina web
A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.
O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



