Nota de prensa
A Deputación esixe á Xunta que os recursos adicados a emprego beneficien a todos os Concellos e non só ós do PP
– O goberno autonómico, con plenas competencias na materia, discrimina á provincia recortando en máis de 3 millóns de euros o investimento para crear traballo e tan só o 5% dos parados da provincia se beneficiarán dos obradoiros concedidos
– O organismo provincial convértese na 1ª administración galega en desenvolver o Regulamento dos órganos de xestión das Reservas da Biosfera dentro de Lug02; programa co que creou máis de 60 postos de traballo directos e 360 indirectos
O Pleno da Deputación aprobou este martes, cos votos en contra do Partido Popular, a moción do grupo provincial socialista na que se insta á Xunta de Galicia a distribuír os recursos adicados ás políticas activas de emprego con criterios obxectivos de forma que beneficien á totalidade dos Concellos da provincia e non só ós da súa formación política, xa que Galicia e Lugo son os lugares de España nos que o paro aumentou con máis forza.
Precisamente, Galicia encabeza as comunidades onde máis medrou o desemprego en termos absolutos –só por detrás de Castela León-, chegando a máximos históricos. Asimesmo, é a segunda Comunidade que perdeu máis autónomos en 2010. Polo que se refire á provincia, Lugo pechou o ano 2010 cun incremento do paro do 10,32%. Ante a pasividade do Executivo galego, Antonio Gato subliñou que “pola contra a Deputación ten un firme compromiso cos parados e paradas, a través do Lugo Emprega; que é un modelo de obxectividade, xa que está destinado a todos os Concellos da provincia e realizado con criterios de distribución poboacional, sen discriminar a ninguén”. O organismo provincial destina un total de 8 millóns de euros para a contratación inmediata de 711 desempregados que realizarán traballos de mantemento de servizos municipais nos 66 municipios que se adheriron á iniciativa. Este xoves iniciaranse as probas de selección.
Discriminación absoluta á provincia
O voceiro provincial socialista, lembrou que, malia que as competencias en políticas activas de emprego son do goberno autonómico, a cantidade asignada á provincia con respecto á anualidade anterior decendese en máis de 3 millóns de euros. Ademais de facer esta rebaixa tan significativa nun dos peores momentos económicos, a Xunta de Galicia repartiu os fondos dunha forma discrecional e sen seguir criterios obxectivos. “Unha vez máis o goberno de Feijóo discrimina á provincia e decide facer un reparto sectario dos fondos destinados á creación de emprego. Neste senso, Antonio Gato sinalou que “non o digo eu, dino os medios de comunicación. Léolle un titular señor Barreiro: os Concellos do PP reciben o 76% en axudas de emprego. Con estes obradoiros de emprego só se beneficiará o 7,5% da poboación e tan só o 5% dos máis de 21.000 parados da provincia participarán nos obradoiros de emprego. Vanlle dar emprego a 175 parados, menuda valentía non fan. O ano pasado en Quiroga, un municipio moi afectado pola crise da pizarra, beneficiaron a 57 traballadores, o mesmo número que en Monforte, sendo este un municipio con maior número de habitantes e, por tanto, con máis paro. A Xunta non valora as cifras do paro como un criterio importante”.
A Deputación crea emprego con Lug02
O Pleno aprobou, coa abstención do Partido Popular, o regulamento do órgano de xestión das dúas Reservas da Biosfera que xestiona directamente a Deputación: Terras do Miño e Ancares Lucenses. Esta actuación forma parte do programa europeo Lug02, dotado con 5 millóns de euros e co que o organismo provincial demostrou que o medio ambiente é a oportunidade económica da provincia, contribuíndo a crear novos postos de traballo en Lugo grazas ás distintas liñas de actuación desta iniciativa, na que tamén se inclúe Km0.
En total, realizáronse 80 contratos cos que se crearon máis de 60 postos de traballo directos para a execución do programa. É o caso das persoas que traballan nas Aulas Medioambientais tanto fixas como móbiles, dos bolseiros que o venres pasado partiron de Coruña para os países europeos nos que realizarán prácticas durante catro meses, das 25 persoas que traballan nas empresas que se crearon ó abeiro deste programa. Ademais, creáronse preto de 360 traballos indirectos en distintos sectores, ós que habería que engadir os 3.000 postos que contribúe a manter Km0 en sectores como os da hostalería, turismo, artesanía, etc.
Deste xeito, a Deputación está a dar un forte pulo á economía provincial. Tal é así, que co asesoramento empresarial que ofreceu creáronse 5 novas empresas relacionadas cos obxectivos do proxecto. Son as seguintes: Agrodynamics, destinada ó deseño de aplicacións para o control de produción hortícola e viñedo; Alitraz, ó desenvolvemento de aplicacións informáticas para a empresa agroalimentaria; Iberiam Science, consultora especializada no sector da apicultura. Concretamente, nos ámbitos da produción, formación, realización de estudos e investigación; Ecoleite: a primeira cooperativa de produtores de leite ecolóxica de Galicia, constituída por 8 socios propietarios das respectivas explotacións de leite en produción ecolóxica; e Terras de Burón, empresa especializada na elaboración de pratos preparados a base de carne de caza.
A 1ª administración en Galicia que impulsa esta iniciativa
O Regulamento é un documento imprescindible, que debía estar feito con anterioridade pola anterior Corporación, dado que a Reserva de Terras do Miño obtivo a distinción en 2002 e a de Ancares en 2006. A Deputación de Lugo é a primeira administración galega que impulsa este requisito que estipula a UNESCO cando declara un espazo natural como Reserva da Biosfera e que aparece recollido na lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade. De non dispoñer deste documento, a Organización podería anular a declaración, “polo que foi este equipo de goberno o que decidiu poñelo en marcha, incluíndoo dentro do programa medioambiental”.
O Regulamento fixa unha estrutura organizativa para levar a cabo a xestión de cada unha das Reservas. A de Terras do Miño inclúe 26 municipios integrados na conca alta do Miño. Ocupa o 39% da provincia, cunha superficie de 363.668 hectáreas e é unha das Reservas máis poboadas de España. Foi a primeira Reserva declarada en Galicia. A de Ancares discorre polos Concellos de Navia de Suarna, Cervantes e Becerreá. A superficie total ascende a 53.664 hectáreas, o que supón o 6% da superficie da provincia de Lugo.
Restruturación polas baixas no PP
Ademais, no Pleno de hoxe tamén entrou en vigor o novo Regulamento da Deputación que foi aprobado na sesión do mes pasado. O novo documento, que obtivo o consenso de todos os grupos políticos, permite dar un paso máis na democratización desta institución, dotándoa dunha maior transparencia e rigor. O actual equipo de goberno xa deu o primeiro paso neste eido permitindo a participación da Oposición nas mesas de contratación, nos órganos de control e fiscalización, e coa creación dos locais e equipamentos para os grupos políticos –unha reivindicación histórica non antes acadada-. Coa aprobación do novo documento, PSOE e BNG cumpren ó 100% o programa de goberno asinado na toma de posesión, en xullo do 2007, e reforzan o pacto anti-transfuguismo.
Deuse o visto e prace á nova restruturación das Comisións Informativas, nas que se informa ós grupos políticos dos asuntos que se levarán ó Pleno. O cambio débese ás baixas producidas dos dous membros do Partido Popular, que se incorporaron ó grupo dos non adscritos: Guillermo Leal e Manuel Varela. O primeiro pasa a formar parte das Comisións de Benestar Social, Turismo, Igualdade e Xuventude; Persoal e Réxime Interior; Urbanismo e Medio Ambiente; e Infraestruturas e Obras. Manuel Varela participará nas de Economía e Facenda; Promoción Económica e Emprego; Cooperación e Asistencia ós Concellos; e Cultura, Patrimonio Artístico e Normalización Lingüística.























Será o sábado 23 de maio, nas Letras no Campo, Feira do libro ribadense, nun acto no que estará acompañado de Suso Fernández Acevedo.
O acto terá lugar o vindeiro luns 18 de maio, coincidindo coa celebración do Día Internacional dos Museos, unha data sinalada para poñer en valor o patrimonio cultural e mariñeiro do concello. Tras un período de traballos de mellora e adecuación, o museo —un referente na comarca— reabre para ofrecer ás persoas visitantes unha viaxe inmersiva a través da herdanza mariñeira, da industria conserveira e da estreita relación das súas xentes co Cantábrico.
Nesta ocasión participará Susana Vázquez Fernández, coach de saúde emocional e facilitadora en procesos de duelo e perda, que impartirá o faladoiro “Xestión do ánimo”, centrado en técnicas de relaxación, pensamento positivo e coidado da saúde mental para mellorar o benestar emocional. A actividade está aberta á veciñanza e busca crear un espazo para compartir, aprender e coidarse en comunidade. Conta co apoio e colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
Unha obra para todos os públicos. Hora: 20.00. Entrada libre ata completar aforo, non é necesario facer reserva de entradas.
O mozo ciclista continúa a demostrar o gran nivel desta tempada, na que suma xa un primeiro posto e un terceiro nas últimas probas das Escolas de Ciclismo da Federación Galega. Uns resultados que reflicten o seu esforzo, constancia e paixón polo deporte. O Concello tamén quixo poñer en valor o traballo do club Medela MTB, pola súa aposta pola formación e polo deporte base, acompañando aos máis novos no seu crecemento deportivo e persoal. Desde Cervo trasladan os parabéns a Mateo e á familia Medela, e destacan o orgullo polos éxitos e pola excelente tempada que están a realizar.
O encontro incluíu sesión vermú amenizada polo Dúo The Poker e unha comida popular con empanada, embutido, croquetas, xamón cocido, tenreira asada e sobremesa. Pola tarde continuou a música e realizáronse sorteos de agasallos achegados polas asociacións colaboradoras. A iniciativa foi organizada pola Asociación O Castelo, en colaboración coas asociacións parroquiais e o Concello de Alfoz, que agradeceron a ampla participación. Durante a xornada tamén houbo un momento de lembranza para Jorge Val, exalcalde falecido hai un ano, destacando o apoio que brindou ás asociacións locais.
Celebrarase o venres 29 de maio ás 17:00 h e será gratuíta. Abordará o papel dos poliquetos no ecosistema mariño, as súas características e os riscos do uso de especies exóticas, con proxeccións e maquetas de varias especies empregadas como cebo. Impartiraa o grupo BIOCOST da Universidade da Coruña e está organizada por Posta de Encontro xunto con RedeMar, Xunta de Galicia, Federación Galega de Confrarías e a UDC. Reservas: WhatsApp no 634 97 08 86; 982 13 19 23; buenas@capturaspesca.com ou directamente na tenda Capturas Pesca, onde se celebrará o evento (Av. Leopoldo Calvo Sotelo 49, Ribadeo).



