A Deputación ofrece auditorías de eficiencia enerxética a 47 Concellos da provincia aforrándolles 10.000 euros a cada un
– Faranse avaliacións das casas consistoriais e doutro edificio municipal que elixan as propias entidades locais para aforrar ata un 25% na factura enerxética desas instalacións
– Gómez Besteiro presentou esta nova liña de cooperación totalmente gratuíta para os Concellos, que financiará ó 100% o programa europeo Lug02 e que comezará antes do verán
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado polos Deputados de Cooperación e de Medio Ambiente, Juan José Díaz Valiño e Sonsoles López Izquierdo, respectivamente, anunciou este venres en rolda de prensa que a institución provincial, grazas ó programa europeo Lug02, será unha das primeiras administracións de Galicia en ofrecer auditorías de eficiencia enerxética totalmente gratuítas a 47 Concellos da provincia, aforrándolles uns 10.000 euros a cada un, pois este é o prezo de mercado que teñen este tipo de traballos. Así mesmo, unha vez realizadas as avaliacións, a Deputación estudará a posibilidade de financiar a posta en marcha dos plans de acción que se propoñan, subliñou o Presidente. Os Concellos ós que se lles ofrecen as auditorías forman o denominado Club dos Renovables, que xurdiu despois de propoñerlles a todos os municipios da provincia outras iniciativas de aforro medioambiental. Deles, foron 47 ós que aceptaron, o que representa o 70% dos da provincia, e os que integrarán o Club.
Gómez Besteiro subliñou que “a cooperación cos Concellos está a ser unha constante na acción deste equipo de goberno. Hai menos dun mes presentamos os novos servizos de asistencia técnica en materia económica, hai tan só unha semana aprobábamos as bases do Plan de Comunidades Veciñais, no que por primeira vez financiaremos o 100% do custe das obras, e agora damos un paso máis con esta nova liña de axuda ós municipios, financiada ó 100% polo proxecto Lug02 e que permitirá un novo e importante aforro ás arcas municipais, ó tempo que contribuirá a preservar o medio ambiente”.
O programa de auditorías consistirá nunha análise individual, Concello por Concello, das casas consistoriais e doutro edificio de titularidade municipal que escollan as propias entidades locais (que pode ser o polideportivo, a casa da cultura…) para detectar os posibles problemas de eficiencia que existan e as fórmulas que poden adoptar para aforrar ata un 25% na factura enerxética desas instalación grazas a unha utilización máis axeitada dos recursos.
Segundo destacou o Presidente, a implantación de medidas de aforro e eficiencia enerxética “é algo que veñen facendo moitos Concellos da provincia co obxectivo de reducir os gastos correntes e afrontar a difícil situación económica que teñen moitos deles. O que pretendemos na Deputación con este programa é atender unha demanda existente que teñen hoxe en día os Concellos, ademais de alivialos dun custe que por si sos, nestes difíciles momentos nos que nos atopamos, non poderían levar a cabo. Hai que ter en conta que o custe dunha auditoría enerxética pode ascender, segundo prezos de mercado, ós 10.000 euros, e tamén que a factura eléctrica dun Concello medio da provincia, de 5.000 habitantes, é de arredor de 200.000 euros, o supón un gran carga económica”. Ó mesmo tempo, engadiu Besteiro, “cumprimos coa recomendación da Federación Galega de Municipios e Provincias de buscar solucións individualizadas e concretas para os Concellos, e non aplicar fórmulas universais porque son menos eficaces”.
Fórmulas para reducilo consumo
Os traballos centraranse fundamentalmente no consumo eléctrico das casas consistoriais e doutro edificio público de titularidade municipal. Deste xeito, analizando unha posible instalación de dispositivos de baixo consumo, como poden ser lámpadas LED ou detectores de presenza, conseguiríase un aforro anual de ata o 25% na factura que un Concello paga pola luz deses edificios. É dicir, se tomamos como referencia un municipio medio de 5.000 habitantes, como pode ser o de Mondoñedo, que paga uns 8.000 ó ano polo consumo de luz da casa consistorial e da casa da cultura, o aforro pode chegar ata os 2.000 euros.
Outros aspectos que se avaliarán nas auditorías serán a instalación de reguladores e válvulas termostáticas no sistema de calefacción e de programadores de rego.
Aprobado no Consello de Cooperación
O proxecto foi aprobado esta mesma mañá por unanimidade no Consello de Cooperación Provincial, que tivo lugar xusto antes da rolda de prensa ofrecida polo Presidente e do que forman parte os tres grupos políticos da Deputación (PSOE, BNG e PP). Tamén hoxe mesmo sairán de San Marcos cartas dirixidas ós 47 Concellos do Club dos Renovables para informalos da posta en marcha das auditorías enerxéticas e propoñerlles que se adhiran.
Estas avaliacións comezarán a realizarse antes do verán e estarán completadas a finais de ano. O persoal técnico da Axencia Provincial de Enerxía, situada no INLUDES, será o encargado de levalas a cabo.
O Presidente explicou que este programa “súmase á política de aforro que dende a Deputación vimos levando a cabo nos últimos catro anos e grazas á que no Orzamento deste 2012 recortamos os gastos correntes en máis de 2 millóns de euros. Precisamente, só coa reforma do contrato do subministro eléctrico das instalacións provinciais que aprobamos hai 2 meses, este ano aforraremos 130.000 euros, é dicir, 30 millóns das antigas pesetas”.
Remitido




















Os traballos, cun orzamento de case 190.000€, afectan aos catro primeiros quilómetros da vía. Habilitaranse desvíos alternativos, que estarán debidamente sinalizados.
Foi impartida polo sumiller Alberto Vega. A Masterclass buscou aportar coñecemento, fomentar a posta en valor do produto e seguir reforzando a formación e profesionalización do sector dentro da programación de Ribadeo Sabe. Ata a Praza de Abastos se achegaron o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, a concelleira de Comercio, Marta Saiz, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez. O Ribadeo Sabe terá lugar do 14 ao 17 de maio en 22 locais hostaleiros, que ultiman os preparativos para sorprender con elaboradas e saborosas propostas.
Esta nova publicación, que fai o número 19 da colección periódica do SEVA, recolle unha parte esencial do patrimonio musical e oral do Valadouro. Os compiladores da obra son Manuel Lourenzo —xa falecido—, Isaac Ferreira e Xesús Pisón, quen contribuíron a preservar e poñer en valor este legado cultural.
De 12:30 14:00 horas no CEIP Juan Rey farán actividades e demostracións. E de 18:00 a 21:00 horas na Praza do Concello haberá unha exposición estática e mini relevos. O Concello de Lourenzá destaca que é “unha oportunidade única para coñecer de preto o labor da Garda Real. Animámosvos a participar!”.
Nesta edición, a programación céntrase na Idade Moderna en Galicia, combinando sesións teóricas no Real Seminario Conciliar de Santa Catalina con visitas guiadas por Mondoñedo e a súa comarca. O Concello destaca a excelente acollida desta iniciativa e anima a seguir promovendo actividades culturais deste nivel, posibles grazas ao compromiso da USC e ao apoio da Xunta de Galicia.
Categoría Infantil: 1º premio, Celia Blanco. 2º, Mara Blanco. 3º, Nuno Villares. Categoría Primaria: 1º premio, Laia Rodríguez. 2º, Paula Martínez. 3º, Jesús López e Samuel Riera (empate). Categoría Adultos: 1º premio, Unha receita para a felicidade, de Sonia Corral. 2º, O merodeador da néboa, de Manuel Fernández. 3º, Ou lobo ou o can, de Xolo. O Concello felicita a todas as persoas premiadas e agradece a participación de todas e todos os que fixeron deste certame unha auténtica celebración da lectura e da creación literaria.
10:00 h: Apertura do mercado e Andaina histórica por Vilaronte con Moncho Ermida (dificultade baixa). 11:00–14:00 h: Experiencia a cabalo para nen@s (de balde). 12:00 h: Actuación da Charanga Os Sureños. 14:00 h: Sesión vermú con Super Glu. 16:30 h: Contacontos “Contamos contos de lobos” – Ghazafelhos. 18:00 h: Concerto de Tapa D’Orella. Durante a mañá haberá demostración de coiro. Pulpería Suso servirá churrasco, polbo e xamón. Organiza: O Atrio Colaboran: Concello de Foz, Xunta de Galicia, Área de Cultura da Deputación, Centro AD e Fiore Tondo.



