Os populares lamentan a deixadez do goberno local
O PP de Ribadeo denuncia o mal estado dun muro na rúa Muralla da localidade e que pon en perigo a seguridade dos viandantes
• Jesús López Penabad asegura que o muro presenta profundas gretas que manifestan un posible derrubamento da edificación
• Os populares solicítanlle ao Concello que leve a cabo as medidas oportunas, como é un posible vallado do muro, e garanta así a seguridade cidadá
• Os populares tamén denuncian a falta de iluminación nas rúas da localidade, que está a converter o municipio nun lugar propicio para actos vandálicos
Lugo, 3 de xaneiro de 2013.- O presidente do Partido Popular de Ribadeo, Jesús López Penabad, denuncia o mal estado no que se atopa un muro situado na rúa Muralla da localidade mariñá e que pon en perigo a seguridade dos viandantes que pasean pola zona.
O popular explica que o muro presenta serias deficiencias así como profundas gretas que poñen de manifesto o posible derrubamento da edificación ou o desplome de pedras procedentes do muro. Ante esta situación, Jesús López Penabad solicítalle ao rexedor local que tome as medidas oportunas, como é o posible vallado do muro, e que restableza así a seguridade cidadá.
De igual maneira, os populares de Ribadeo denuncian a falta de iluminación pública nas rúas de Ribadeo, que segundo explica o presidente dos populares locais, Jesús López Penabad, está a converter o municipio nun lugar propicio para actos vandálicos.
O popular entende a necesidade de optimación dos recursos públicos en época de crise económica, pero lamenta que este aforro se conleve en servizos de importante necesidade como é garantir a iluminación da localidade e evitar así a inseguridade que esta situación está a provocar nos cidadáns.