O BNG CRITICA O BRUTAL RECORTE EN SANIDADE DOS ORZAMENTOS DA XUNTA PARA 2013 TANTO EN ATENCIÓN PRIMARIA COMO ESPECIALIZADA CUN TESOURAZO DE 14,9 MILLÓNS DE EUROS.
OS ORZAMENTOS POÑEN DE MANIFESTO UN RECORTE NO HOSPITAL DA COSTA ENTRE GASTO CORRENTE E INVESTIMENTO DE 2,25 MILLÓNS E 12,67 EN ATENCIÓN PRIMARIA PARA TODA A PROVINCIA.
A VAP DA COSTA RECORTA AS PREVISIÓNS INCLUÍDAS NO ORZAMENTO DO ANO PASADO PARA 2013 EN 8,43 MILLÓNS CO QUE A VÍA ENTRE O CASTELO E O VICEDO QUEDARÁ PARALIZADA POR FALTA DE FONDOS.
OS NACIONALISTAS BOTAN EN FALTA PARTIDAS ECONÓMICAS PARA PLANOS DE ACOMPAÑAMENTO SOCIAL PARA AS PERSOAS AFECTADAS POLA PERDA DE EMPREGO NA COMARCA.
A Mariña, 8 de xaneiro de 2013. O Portavoz Comarcal do BNG da Mariña, Antonio Veiga Outeiro, valorou como catastróficos os orzamentos da Xunta para 2013 que non recollen ningún dos dous grandes compromisos do PP para a comarca e abandonan á súa sorte aos centos de persoas afectadas polos despedimentos e peches de empresas que se viñeron sucedendo nos últimos meses na comarca mariñá ao non incluír ningunha partida económica para planos de acompañamento social ou incentivos para a recuperación económica da comarca.
O Hospital da Costa sufre un recorte en investimento real de 196.796 euros e 2,04 millóns en gasto corrente en relación ao orzamento de 2012.
O Portavoz Comarcal nacionalista acusou ao PP de facer xusto o contrario do que promete e puxo como exemplo paradigmático as sucesivas promesas do PP en relación á ampliación do Hospital da Costa que xa pasou a formar parte dun dos maiores enganos masivos e continuados do Sr. Feijoo con esta comarca. Cada vez que algún responsábel político do PP fala de mellorar a infraestrutura sanitaria da Mariña hai que poñerse a cuberto, afirmou Veiga que puxo cifras sobre a mesa xa que os 36.000 euros para actuacións en centros hospitalarios e os 50.000 para reformas varias da partida de investimentos prevista para 2013 como moito poden dar para unha segunda planta das casetas de obra que o PP define como ampliación.
Na mesma liña, o nacionalista cualificou de “desmantelamento progresivo e continuado” o recorte de 2,04 millóns en gasto corrente para o mesmo centro hospitalario no que se inclúen os gastos de persoal, material sanitario, maquinaria ou mantemento co que claramente o PP non está por manter a calidade asistencial no Hospital da Costa senón pola súa progresiva degradación.
A asistencia primaria sufre un recorte na provincia de 12,67 millóns en relación a 2012
Antonio Veiga denunciou tamén o brutal recorte en asistencia primaria reflectidos no orzamento para 2013 onde a Xerencia de Atención Primaria de carácter provincial sufre un recorte de 12,67 millóns de euros en relación a 2012 que sen dúbida terá repercusións de gran envergadura nos centros mais próximos á cidadanía en toda a provincia de Lugo. O nacionalista explicou que o PP recortou entre o orzamento 2010 e 2013 en asistencia primaria en Lugo 17,8 millóns de euros iniciando un camiño en sentido contrario ao decidido polo goberno bipartito que apostaba, conxuntamente co sector, por mellorar a sanidade primaria para evitar o colapso da especializada. Para Veiga o PP galego está poñendo as bases para recorrer o camiño da privatización da sanidade primaria como xa están a facer os seus homólogos madrileños.
Os orzamentos tampouco recollen medidas específicas de choque e planos de acompañamento social para as persoas en situación de desemprego.
Veiga cualificou de “decepcionante” que os orzamentos non inclúan partida ningunha para paliar a situación de desemprego pola que están a pasar moitas familias da comarca que unha vez mais son abandonadas á súa sorte pola administración galega. Nin hai medidas de dinamización económica, nin tampouco planos de acompañamento social que eviten a exclusión social da xente afectada polo desemprego e a falta de recursos económicos. Veiga acusou ao PP de ser o partido do paro e da destrución do social, un partido que goberna contra a xente e as maiorías sociais e só atende as chamadas dos grupos de presión mais poderosos.
Os recortes na Vía de Altas Prestación do Castelo a O Vicedo paralizan os tramos lugueses e adían o seu remate mais alá do 2017 como comprometera o Conselleiro de Infraestruturas.
Antonio Veiga tamén fixo mención ao recorte de 8,43 millóns de euros nas previsións do orzamento 2012 para 2013 e torpedea o cronograma anunciado polo Conselleiro Infraestruturas con alcaldes de Lugo e A Coruña onde se fixaba o seu remate en 2017. O nacionalista mostrouse convencido de que o PP volve incumprir os seus propios compromisos con esta vía de vertebración do norte galego que en ningún caso estará rematada no 2017. Segundo afirmou Veiga, “a palabra do PP non existe” e estamos agardando a que os alcaldes do PP que confiaron na palabra do conselleiro digan algo.