Foz vive un deses episodios que poñen en entredito a confianza mínima que deben inspirar gobernantes, e aspirantes, cuxo poder emana do voto. Á procura destes o PP, PSOE, BNG e UNIFOZ, nas eleccións municipais últimas, botaron as redes á captura de papeletas dando de comer copiosamente ós votantes, en sucesivas larpeiradas, e así xulgar ós candidatos, non se sabe se polas habilidades culinarias ou pola abundancia da papatoria. Publicamos entón o artigo “Eleccións e cuchipandas” pois había quenes, por consideralo ofensivo á auto-estima, rexeitaban o sistema, laiándose de que os rañavotos esqueceran aquelo de Castelao: “hai necesidades que non se senten no estómago”; mais estes políticos ó parecer concéntranas no bandullo, polo que se deron con afán á tarefa. “¿Que queres? – dixo alguén – :é o que hai…”.
Dilucídase agora un asunto que pode ser transcendente, e no seu tratamento darán a talla os munícipes:¿que se fai coa depuradora: amplíase a capacidade, ou sexa, auméntase o risco, ou trasládase a ubicación?. O resultado da primeira opción é coñecido…Temos reiterado que a historia- mestra da vida- hai que asumila na medida na que se dan os feitos: negala, ou pretender manipulala é sempre un erro e, moitas veces, unha estupidez…
Hai arredor de quince anos era o cronista membro do Consello Parroquial, para o que fora recrutado. A demanda de nichos desbordaba a dispoñibilidade. Había que construír novas sepulturas.¿Pero onde?. Dous posibles: ampliar o camposanto, ou iniciar un novo facendo xa nel enterramentos, coa vista posta en que pasado un tempo (que sería longo) se extinguira aquel e recuperar un espazo que permitira cumprir outras posibles funcións, tendo en conta ademais o fermoso do emprazamento.
Tratouse o asunto no Consello; o cronista opúxose rotundamente a amplialo- en contra do criterio da Igrexa- pois significaría hipotecar a perpetuidade o futuro dos terreos. Non tardou en chegar o rumor de que veciños, sempre respectables, opoñíanse á apertura do novo aducindo que no vixente, tiñan seres queridos soterrados… En conversas casuais con eles era fácil convencelos sobre algo do que todos participamos. Sabendo que para os políticos, o posible de apañar catro votos, ou o risco de perdelos, altéranlles as crenzas, preguntamos, un a un ós portavoces a súa opinión, coincidindo na negativa á ampliación, feito que, de producirse, obrigaba a modificar as normas subsidiarias no contorno do mesmo. O día 16.11.98 o pleno da Corporación, presidido polo alcalde Rivera, aproba a modificación, ábrese a veda e consúmase o que, hoxe coma onte, coidamos que nunca debeu facerse. ¡Estes políticos…!
O cronista, por indómito, resultaba incómodo e foi represaliado: nunca mais o convocaron ás reunións do Consello; sutil forma de sacalo do medio, ¡que alivio!
Escoitando a certas persoas da política local tememos que, preto de vinte anos despois, en evolución claramente “progresista”, revivamos a experiencia; a historia dicta as súas leccións pero somos malos discípulos e non as damos aprendido. ¡Estes políticos…!
Suso Fernández















Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.



