– Regina Polín, Carmen Basadre e representantes do sector presentaron a Gala Lvcvs Moda 2013, que suporá un gran impulso económico para a moda e o deseño lucense e cuxa recadación íntegra destinarase ó Fogar do Transeúnte da capital luguesa
– Polín destacou que “a imaxinación é unha oportunidade económica de primeiro nivel” e que iniciativas deste tipo deben contar co apoio das institucións porque “poñen en valor a creatividade dos lucenses como medio de loita contra á crise”
– 5 deseñadores, 14 firmas de artesanía, 7 peluquerías e 18 colaboradores estarán presentes nunha gala retransmitida por diferentes canles de televisión grazas ó traballo dos alumnos de Produción e Realización da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC
A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín; a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e Luis Areñas, Ramón Álvarez e Ludi Quintás, en nome de deseñadores, artesáns e peluqueiros, respectivamente, presentaron hoxe a Gala Lvcvs Moda 2013. Acompañados por todos os profesionais da moda e do deseño organizadores desta cita, coa que colaboran a Deputación de Lugo e o Concello, a presentación tivo lugar esta mañá nos exteriores do Museo Interactivo de Historia de Lugo-MIHL, que será precisamente o escenario onde se desenvolverá este evento.
O vindeiro día 8 de maio, ás 21:00 horas, no espectacular MIHL, os lucenses teñen unha cita coa creatividade lucense, neste acontecemento benéfico que atraerá a atención dos medios e cuxa recadación destinarase integramente ó Fogar do Transeúnte da capital luguesa. As entradas poderanse mercar nos establecementos dos deseñadores e peluquerías participantes ó mesmo prezo que en anos anteriores, 20 euros. Coa súa entrada, todos os asistentes recibirán un pequeno catálogo no que poderán atopar toda a información necesaria para adquirir calquera deseño das coleccións presentes.
Impulso económico para o sector
Esta Gala Lvcvs Moda, ademais do seu carácter benéfico, volve ó calendario da provincia movido polo interese dos propios creadores en organizar unha pasarela na que mostrar as súas creacións nos eidos da moda, da artesanía e da peluquería, porque este evento ten xogado un papel destacado en anos anteriores coma xerador de riqueza e creador de postos de traballo. Tal e como subliñou Polín, “a imaxinación, a posta en valor da creatividade da xente de Lugo, é unha oportunidade económica de primeiro nivel”.
De feito, tanto Luis Areñas, Ludi Quintás e Ramón Álvarez coincidiron en destacar a importancia da colaboración prestada polos organizadores da Gala e trasladar o seu agradecemento a Deputación e Concello polo esforzo posto en axudar a que “se vexa que, malia o momento de crise, o comercio de Lugo está vivo”
Pola súa banda, Carmen Basadre, destacou o feito de que este evento se celebre nas instalacións do MIHL, que a pesares de estar pensado para outros usos, “esta pode ser unha boa alternativa para dar a coñecer este Museo”.
Moda, artesanía e peluquería
Nesta ocasión estarán presentes cinco deseñadores: Inpe-Abrigo Verde, Luis Areñas para Manuel López, Montse Arias, René Velasco e Tina Cortón amosarán as súas últimas creacións sobre a pasarela. Tamén participarán 14 destacadas firmas de artesanía da provincia: Cecilia Carballo, Cesteríaviva, Corazóns Artesáns, En lá, Jara Rodríguez, M&N, Obradoiro, Otero y Fieiras, Paula Dimé, Ramón Álvarez, Rappa Taller, Sra. María, Vidal Revilla e Yanllan, que presentarán os seus traballos de xoiería, cestaría, téxtil, coiro e outros complementos de vestir.
Os asistentes á Gala deste ano terán a oportunidade de ver por primeira vez un show de peluquería, no que os espectaculares peiteados deixarán de ser parte do estilismo para converterse no centro de atención do seu particular desfile. Os creadores serán sete profesionais da imaxe: Aluma, Attelier, Eduardo Souto, Gala Group, Miriam Souto, Mohama e Pardo Peluqueros.
Ó igual que en anteriores edicións, foron moitos os negocios lucenses que quixeron colaborar con este evento. Nesta ocasión Adamascada Asesor de Imagen, Area, Arte Floral Rabel, Cuplé, Dick&Paul, Joyería Senén, Messalina, Modesto Santa Eularia, Porta Castelli, Ramón Rebolo, Rochas, Torques, Zapaterías Cortés, IES Muralla Romana, Mesón de Alberto, Restaurante Koki García, Cuqui Bakes e Briopack prestarán o seu apoio á Gala.
Os que non teñan a oportunidade de ver este gala en vivo poderán facelo nas súas casas, posto que novamente serán moitas as canles de televisión que emitirá o sinal ofrecido polos alumnos de Produción e Realización da Fundación TIC, que deixarán constancia coas súas cámaras de todo o que aconteza esa noite dentro de Museo Interactivo de Historia de Lugo.


















Destacou o labor da asociación xuvenil A Rumboia, que en poucas edicións converteu o evento nun referente cultural da Terra Chá e nun motor para o turismo e a economía local. O cartel inclúe Caamaño & Ameixeiras, Ulex, La Txama, Boyanka Kostova, Bea Fernandes e Lucasiito B2B Somiiux. Haberá tamén actividades para todas as idades —xogos, obradoiros, contacontos e artesanía— no campo da feira de Gontán, con entrada gratuíta.
O Parque María Cristina da Caridá volverá encherse de oficios, sabores, música e tradición os próximos días 4 e 5 de xullo
Son 15 os postos instalados nos que os asistentes poderán atopar complementos de moda e téxtis, marroquinaría, xoiaría, teas, sombreirería, bixutaría, xoguetes ou esmaltes. Esta feira está percorrer diversas localidades e cidades galegas para dar a coñecer o traballo dos artesáns galegos. Polo recinto pasaron o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Comercio e Turismo, Marta Saiz.
Desde o pasado martes desenvolvéronse distintas competicións deportivas, entre elas os tradicionais torneos 3x3 de fútbol e baloncesto e un campionato de xadrez, nos que participaron preto de 300 mozos e mozas. Villares sinalou que esta convocatoria “é xa un clásico na vila e axuda a proxectar a oferta do Espazo Xove, un punto de encontro para a mocidade que ao longo de todo o ano ofrece distintas propostas de lecer, formación e participación adaptadas aos seus intereses”.
O xoves haberá unha gran sardiñada no Campo da Pascua e o venres dedicarase ao Día do Neno con atraccións a prezos populares. A organización corre a cargo da Comisión de Festas de San Xoán de Covas coa colaboración das administracións locais e autonómicas.
O delegado gabou o traballo realizado polo Motoclub A Cadeira para dar continuidade a esta proposta logo do éxito do pasado ano, “deixando claro desde a primeira convocatoria o seu poder de atracción e o importante papel de dinamización económica e social que xogan iniciativas deportivas e lúdicas como esta”. Na programación destacan a subida nocturna hoxe ao monolito da Cadeir a, os simuladores de pilotaxe de moto GP e a exhibición de Stunt3Show mañá, ou unha ruta turística o domingo. Ademais, haberá sesións vermú, música en directo, sorteos de premios, acampada gratuíta -cuberta e exterior- e food trucks, entre outras actividades.
A edición deste ano incorpora un novo formato organizativo: as sesións vermú ampliaranse a tres horas na Praza da Constitución e todas as verbenas trasladaranse ao Campo da Feira para mellorar a loxística e facilitar a montaxe dos espectáculos, especialmente nun ano con formacións de gran formato. O programa musical combina orquestras, grupos e DJs para públicos de todas as idades, con citas destacadas como Panorama City, Paris de Noia, Los Satélites, Costa Dorada ou a xira campestre con diferentes propostas ao longo de varios días. Desde o Concello subliñan que as festas son un espazo de encontro para a veciñanza e para quen regresa a Vilalba nestas datas, e que o obxectivo é ofrecer unha programación equilibrada e pensada para que cada persoa atope o seu lugar nunhas patronais que forman parte esencial da identidade da vila.



