Santiago, 22 de maio de 2013.- “Portos de Galicia está a dar os pasos necesarios para cumprir o compromiso acadado de reordenación do porto de Foz”, que mantén a súa tramitación sen interrupción dende a presentación do proxecto. Así o afirmou esta mañá José Juan Durán no Parlamento de Galicia en resposta a unha pregunta formulada na Comisión 8ª, de Pesca e Marisqueo, na que ratificou a aposta do seu departamento por coordinar a maior operatividade das instalacións profesionais en paralelo ao impulso á actividade náutico recreativa.
Durán Hermida asegurou que a reordenación e desenvolvemento óptimo do peirao de Foz, como espazo de convivencia de varias actividades portuarias, continúa a ser unha prioridade para o ente público que preside, que actualmente está a executar diversas actuacións neste sentido. Non en van, afirmou que se están a realizar na actualidade trámites de alta complexidade que poden alongarse no tempo, pero que resultan imprescindibles para a correcta execución do proxecto.
Así, lembrou que nestes momentos se está a realizar un estudio de dinámica marítima, que permite coñecer o comportamento das correntes e o solo marítimo, datos imprescindibles para o deseño da reorganización de espazos no porto. Dita actuación foi adxudicada por un importe de 63.000 euros e segue a ser ampliado, dada a complexidade do estuario focense, no que converxen tres catalogacións ambientais europeas.
Así mesmo, o presidente de Portos de Galicia subliñou que, xunto con este estudio, o ente público ten xa licitada a obra máis demandada polo conxunto da comunidade portuaria, tanto do sector profesional como do náutico recreativo: a dragaxe da bocana de acceso ao porto. Esta actuación, orzamentada en máis de 245.000 euros, súmase á dragaxe de emerxencia executada hai dous anos. Así mesmo, vense de rematar a construción dunha pasarela voada no bordo portuario, cun investimento de 50.000 euros, para a mellora da seguridade viaria.
Finalmente, Durán Hermida informou de que Portos está a traballar tamén na mellora do ordenamento do solo portuario, a través da redacción de modificacións no Plan de Usos vixente e a elaboración dun Plan Especial, que defina a distribución de actividades na superficie portuaria de cara ao futuro. Deste modo, o ente público está a deixar sentadas as bases para a reorganización do porto, de cara á convivencia das instalacións pesqueiras e á ampliación das náutico recreativas, para a que será necesario o respaldo da iniciativa privada.