Vai xa facer un ano que se constituíu esta plataforma, cando nesta zona a gran maioría nin sequera sabía que existía este problema e ninguén falaba de preferentes nin subordinadas. Un ano no cal día tras día levamos loitando e traballando pola devolución dos nosos aforros que nos foron roubados.
Tratamos sempre de dar a maior información posible para que os afectados puidesen tomar as súas propias decisións nas medidas a levar a cabo, sempre tratando de axudarlles e facilitándolles o camiño. Esta plataforma foi creada exclusivamente para iso e non para ningún outro fin, sempre o deixamos claro dende un primeiro momento.
Cónstanos que na comarca hai milleiros de afectados, moitos deles, pendentes dunha solución a día de hoxe e outros moitos que aínda non son conscientes de que son afectados.
Dende a plataforma queremos comunicar que segundo os datos que nos constan a día de hoxe, se está a producir unha reactivación da vía arbitral, temos constancia que xa foron chamadas persoas da comarca para resolver o problema por esta vía nestes últimos días.
Segundo a información da que dispoñemos, estanse a resolver uns 150 casos/día, esperemos que continúe polo menos a este ritmo o tempo que dure e se resolvan o maior número de casos posibles sen custe ningún para os afectados.
Dende a plataforma e despois de coñecer en que consistía, apostamos por esta vía dende un principio, deixando moi claro en todo momento que non ía ser a solución para todos e tendo sempre en mente outras alternativas. Aínda así, por solicitala non se perdía nada, e dada a “non solución global” na que estamos inmersos nestes momentos, estamos moi contentos de que polo menos vaia habendo xente que poida estar tranquila e co problema resolto. Dende a plataforma seguiremos pelexando polos que a día de hoxe aínda non teñen solución, non pararemos ata conseguir que se devolva todo o que nos roubaron enganándonos e abusando da nosa confianza.
Unha vez máis, e non nos cansaremos de repetilo, facemos un chamamento a que a xente revise os seus contratos, cónstanos que hai moita xente con obrigacións subordinadas que aínda non é coñecedora de que está afectada, que revisen e comproben os seus contratos e presenten as reclamacións oportunas. Os interesados poden contactar con nós e facilitarémoslles toda a información da que dispoñemos.
Por outra banda, dende esta plataforma tamén estamos proporcionando información sobre a vía xudicial e a xustiza gratuíta para todos aqueles afectados que decidan emprendela.
Recomendamos tamén que antes de tomar calquera decisión, ou se os chaman do banco para calquera “troco”, se informen ben antes de aceptar nada. Non estamos na situación de volver a ser enganados e manipulados unha vez máis, e as informacións que saen nos medios de comunicación poden ser confusas, insistimos, antes de facer nada, comprobar e informarse ben en que consiste.
Para calquera dúbida ou consulta, poden poñerse en contacto coa plataforma do seguinte xeito:
No nº de teléfono: 608 191 779 – A partir das 19:00h
No enderezo electrónico: afectadospreferentesamarinha@gmail.com
No noso perfil de facebook: Afectados Participacións Preferentes A Mariña