Coa chegada do verán, o veleiro Laion iza as velas e inicia as súas travesías pola costa galega facendo posible que todas as persoas, sen exclusións, poidan vivir a experiencia da navegación.
Durante o mes de xullo, o Laion vai percorrer a distancia de 425 millas náuticas en 20 días, atracando en 8 clubs náuticos para subir a bordo a máis de 200 persoas usuarias dun total de 13 entidades e centros que este ano queren recibir os seus bautismos de mar.
A navegación do Laion forma parte do Proxecto GAVEA (Galicia Vela Adaptada) que organiza cada verán a Federación de Asociacións de Persoas con Discapacidade da Provincia de A Coruña (COGAMI Coruña), entidade membro de COGAMI e que ten en garda e custodia o veleiro dende o ano 2002, cando a Audiencia Nacional llo requisou ao narcotráfico. A Fundación La Caixa é quen patrocina a actividade.
ENTIDADES E HORARIOS DOS BAUTISMOS DE MAR
A primeira travesía inicia o luns, 1 de xullo, cando a tripulación trasladará o barco dende o club náutico de Ribadeo ata o de Viveiro. O 2 de xullo, ás 11:00 horas, persoas usuarias da asociación A Mariña-COGAMI van ser as primeiras en abrir a tempada de verán durante un paseo pola ría.
Despois desta entidade, chegan outras que están preto dos portos nos que vai atracar o veleiro. A seguinte singradura é ata Ferrol, onde o día 4 de xullo ás 11:00 horas e ás 16:00 horas van embarcar persoas usuarias do centro que COGAMI ten na cidade. Os días 5 e 6 de xullo tamén permanecerá en Ferrol realizando saídas á ría con persoas usuarias de COGAMI-Ferrol e da asociación Asem Galicia.
O 8 de xullo o Laion vai atracar en Camariñas para realizar dúas travesías pola ría coas persoas usuarias da entidade Íntegro de Cabana de Bergantiños, Soneira e Fisterra. Ás 11:00 horas e ás 16:00 horas son os horarios programados para o embarque e a chegada prodúcese despois de tres horas de navegación, como en todos os bautismos realizados durante o mes.
O 10 de xullo atracará no club náutico de Muros para realizar dúas saídas coas persoas usuarias da asociación ADISBISMUR, tanto o mércores como o xoves, 11 de xullo.
O 13 de xullo as travesías van iniciar no club náutico de Ribeira con persoas usuarias da entidade Asdivalu de Valga que van embarcar ás 11:00 horas.
O 14 de xullo, no club náutico San Vicente do Mar embarcan ás 16:00 horas persoas usuarias da entidade Avanzar das comarcas Umia-Ulla. Ao día seguinte, o 15 de xullo, vai ser a asociación Anduriña de O Salnés a que poida gozar da navegación a partir do embarque das 11:00 horas e o día 16 de xullo van ser persoas usuarias do centro de recursos que COGAMI ten en Mos e que embarca un grupo pola mañá e outro pola tarde.
O 17 e 18 de xullo o Laion vai estar atracado no club náutico de Moaña para realizar as saídas pola ría de Vigo con persoas usuarias da asociación Doa Cangas que embarcarán en dúas quendas tanto ás 11:00 como ás 16:00 horas. Ao día seguinte, persoas usuarias de COGAMI en Vigo embarcarán pola mañá e, pola tarde, van ser da entidade Amizade de Pontevedra.
O Laion, de 13 metros de eslora, ten capacidade máxima para 9 persoas: 2 tripulantes, 5 participantes con algunha discapacidade e outras 2 persoas acompañantes. A tripulación do Laion está formada por persoas voluntarias que ceden desinteresadamente o seu tempo libre para participar neste proxecto.
A embarcación conta con adaptacións para facer practicable a navegación, como un guindastre instalado na botavara que permite embarcar ás persoas con mobilidade reducida dende o pantalán ata uns backets instalados na bañeira do barco. O control da embarcación conta cun winche eléctrico que se activa a través dun pulsador, permitindo a gobernación do barco a calquera persoa.