O Torneo Imdecum de Fútbol Sala Base ‘Memorial Rodrigo Maseda Lozano’ reunirá 14 clubs e 34 equipos na Mariña, entre o venres 5 de xullo e o domingo 7.
Dende a categoría benxamín ata a xuvenil, competirán na segunda edición da cita que organiza a Fundación Impulso ao Deporte, Cultura e Turismo na Mariña: Las Rozas Boadilla e Guadalajara, dende fóra das fronteiras galegas, ED Vigo 2015, Troula Betanzos FS e Vilalba FS, da nosa comunidade, ademais dunha nutrida participación de conxuntos da comarca como ACD Xove, EDM Cervo, ADFS A Mariña, ED EON Burela FS, Ribadeo FS, Praia de Covas, Celeiro-Xove, Cidade de Viveiro e Selección da Mariña.
A fase de grupos decidirase entre o venres e o sábado cos encontros distribuídos entre os pavillóns Vista Alegre e Monte Castelo de Burela, o cervense da Veiga e o focego de Marzán; a categoría xuvenil aínda disputará tres partidos de cuartos durante a mañá do domingo, en San Cibrao. Antes do comezo da competición, a organización manterá unha reunión técnica cos equipos participantes, ás 16.00 horas, no hotel Nordés de Burela.
A xornada do venres pecharase cun cóctel de benvida para os clubs (Nordés, 21.30 horas); o sábado o día despedirase co Partido das Estrelas (Vista Alegre, 21.00) co salto á pista de xogo de monitores, árbitros e persoal da organización.
Vista Alegre e Monte Castelo acollerán a fase final o domingo, a partir das 9.00 horas. O broche de ouro á cita estará marcado pola gala de clausura, prevista para as 21.00 horas (Vista Alegre).
Clínic
O seleccionador de Romanía, Sito Rivera, participará nunha mesa redonda o domingo, xunto ao adestrador do CD Burela FS Pescados Rubén, Juanlu Alonso. A cita coa sabedoría de ambos os técnicos será o domingo, ás 15.00 horas, no IES Monte Castelo. O director deportivo do Inter Movistar, Javier Lorente, finalmente non poderá asistir por motivos persoais.