A área de Deporte da Deputación de Lugo acaba de concederlle un premio extraordinario de 24.000 euros ao Burela FS Pescdos Rubén polo título de Primeira División RFEF 2012-13. O vicepresidente provincial, Antonio Veiga Outeiro, visitou esta tarde a sede social do club laranxa para reunirse con representantes da familia burelista; xunto ao presidente, Manuel Branco, tamén estiveron presentes a directiva Alba Vila e as xogadoras Lidia Mesías e Paula Cortiñas.
Antonio Veiga destacou a relevancia dos éxitos do equipo feminino do Burela FS Pescados Rubén na tempada pasada. “É a primeira vez que un equipo da provincia de Lugo gaña a liga na máxima categoría estatal, completando unha extraordinaria tempada como campión da Copa de España. Iso supón un motivo de orgullo e ofrece unha boa medida da situación actual de Deporte Lucense, polo que a Deputación segue apostando un ano máis entre as súas prioridades”.
Desde a entidade mariñá, Manuel Branco agradeceu non só este recoñecemento senón “todo o apoio que a Deputación de Lugo nos presta dende hai anos, contribuíndo ao crecemento e desenvolvemento desta estrutura desde as categorías de base ata os equipos de elite”. “Este organismo é un dos grandes responsables de que Burela, A Mariña e a provincia poidan gozar de dous equipos, masculino e feminino, na máxima categoría do fútbol sala” concluía o dirixente laranxa.