A Deputación de Lugo triplica no ano 2014 os investimentos en emprego que fai a Xunta de Galicia na provincia. Así o certificou este martes a delegada provincial de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, durante o Pleno no que se aprobaron os Orzamentos da entidade lucense para o vindeiro ano, ó sinalar que, fronte ós 12,8 millóns de euros que investirá a Deputación no 2014, o Goberno de Feijóo, con 100 veces máis orzamento, dedicoulle 4 millóns en 2013, “tal e como presume Balseiro”. As achegas provinciais en emprego “distan moito tamén” das que facía o PP na súa etapa á fronte da Deputación, pois a partida orzamentaria contemplada para este fin en 2006 e 2007 “foi de 18.030 euros”.
O Orzamento 2014 da Deputación de Lugo, que ascende a 89.441.549 euros, foi aprobado pola Corporación provincial no Pleno celebrado esta mañá, cos votos en contra do Grupo Popular. “O emprego é a prioridade absoluta deste Goberno, e polo tanto, deste presuposto”, subliñou a Deputada de Economía, pois, “aínda que non temos as competencias nesta materia, sabemos que o paro é o principal problema dos veciños da provincia e deste país. Por iso, como institución responsable e eficaz, que atende os problemas reais das persoas e defende o Estado de Benestar, volcámonos coa creación de emprego, sendo conscientes ademais de que as administracións competentes neste eido, Xunta e Goberno central, non están a reaccionar”.
“Feijóo e Rajoy renunciaron a crear emprego”
Neste senso, García Porto recalcou que, mentres a Deputación impulsou dende o ano 2007 ata 10 liñas de emprego “para todos”, e nos últimos dous anos subiu un 90% os investimentos neste eido, o Goberno galego baixounos, no mesmo período, en 156 millóns e o do Estado, en 4.000 millóns. De feito, “Feijóo e Rajoy renunciaron a crear emprego”, destacou a Deputada, lembrando que o Presidente da Xunta asegurou “que non ten as competencias” nesta materia e o do Goberno central admitiu “que non creará emprego nesta lexislatura”.
Ademais de investir 12,8 millóns de euros, a Deputación tamén mantén emprego rematando o 1º centro de recría de gando vacún de España, no que inviste 4,5 millóns no 2014, lembrou a delegada de Economía, pois “os 200 empregos que supón a última fase das obras son de Lugo, e a posta en marcha das instalacións, en 2015, potenciará un sector estratéxico para Galicia como o agrogandeiro”. Mantén emprego ademais co Plan de Conservación de Estradas, ó que destina 4 millóns, “que servirán para garantir uns 350 postos de traballo nas empresas adxudicatarias destes traballos”, e apoiando o turismo, a cultura e o deporte, áreas para as que reserva 9,7 millóns de euros no 2014, detallou a delegada de Economía.
Servizos sociais, cooperación cos Concellos e contas saneadas
Xunto ó emprego, “o noso primeiro e máis importante compromiso”, recalcou Porto, o Orzamento ten outras tres prioridades:
– Garantir uns servizos públicos de calidade: A pesar de non contar co apoio da Xunta, aumenta por 2º ano a partida de Servizos Sociais, ata elevala ós 2,9 millóns de euros. Dentro desta partida, a entidade mantén 1,3 millóns para o Servizos de Axuda no Fogar.
– Cooperar ó máximo cos Concellos: Ademais de asesoramento técnico, a Deputación continúa con programas para axudarlles a aforrar ós Concellos nos gastos correntes, na Administración Electrónica, facilítalles liquidez co Sistema de Recadación Provincial, e inviste 7,4 millóns en plans de obras e no Consorcio Provincial de Bombeiros.
– Manter unhas contas públicas saneadas: No 2014, a débeda baixa en 11 millóns de euros coa meta de acadar o endebedamento cero no 2016.
A Deputación que máis inviste
O organismo lucense está á cabeza en Galicia dos que dedican unha maior porcentaxe do seu orzamento a investimentos e tamén en execución orzamentaria, prevendo pechar o 2013 nun 80%, segundo anunciou Pilar García.
Retirada da suba do canon de Sogama
Por outra banda, o Pleno aprobou, co voto en contra do PP, esixir á Xunta a retirada da proposta para o incremento, nun 33,5%, do canon polo servizo de Sogama; a creación dunha mesa de negociación, xunto á FEGAMP, na que se estuden os custos reais do tratamento de residuos nos Concellos; a realización dunha auditoría externa para coñecer a verdadeira situación da Sociedade Galega de Medio Ambiente; e, no caso de non retirar o incremento do canon, que este sexa asumido, integramente, polo Executivo autonómico.
Paralización da venda de NGB
A corporación acordou, tamén co rexeitamento do PP, instar ós Gobernos galego e central a que paralicen a inminente venda de NGB para seguir recuperando os case 10.000 millóns de euros de cartos públicos inxectados nesta entidade e asegurar o mantemento dos 4.300 postos de traballo que xera.






















A mostra reúne unha ampla selección de obras inspiradas na vida, a paisaxe e a identidade mariñá. O acto inaugural celebrarase o domingo 29 de marzo ás 18:00 horas e contará cunha actuación especial da chelista Amanda López López.
O actor e humorista continuará a súa xira pola comarca e presentará esta mesma proposta en Burela o venres 27 de marzo, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura. O monólogo combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos e as entradas, a 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.



