Baixo o Título “Aplicacións actuais da xenética xenómica no campo da medicina” e organizado polo departamento de Ciencias Naturais do IES Vilar Ponte, o prestixioso científico Ángel Carracedo, impartirá unha conferencia para os alumnos de 1º e 2º de bacharelato. Dito encontro terá lugar o martes 13 de maio a partir das 12.00 horas do mediodía no Salón de Actos deste centro educativo.
Ángel María Carracedo Álvarez é Catedrático de Medicina Legal na Universidade de Santiago, onde exerce a docencia dende o ano 1977. Tamén é o Director do Instituto de Medicina Legal de Santiago e da Fundación Galega de Medicina Xenómica, así como Vicepresidente da Academia Internacional de Medicina Legal. O seu curriculum é extensísimo, e ten numerosísimos premios e recoñecementos polos seus traballos de investigación no campo da xenética aplicada, sobre todo na medicina forense da que é un recoñecido especialista a nivel mundial. De feito participou nas análises para identificar restos humanos tras o tsunami do sudeste asiático, e tamén tralos atentados do 11M. A súa ampla experiencia tenlle permitido destacar coma formador de investigadores de numerosos países.