A Consellería de Sanidade adxudicou o servizo de redacción do Plan director do Hospital da Costa de Burela á empresa EACSN, S.L. (Estudos de Arquitectos e Consultores SN) por un importe de 112.530 euros, o que supón un aforro do 21,52% respecto do importe máximo de licitación. Esta empresa disporá dun prazo de execución de 4 meses.
Neste eido, o Servizo Galego de Saúde solicitoulle ao licitador a presentación, nun prazo de 10 días hábiles, da documentación precisa para a formalización do contrato correspondente.
A redacción do novo Plan director do Hospital da Costa vai supor a modernización do centro cunha programación racional das novas actuacións e investimentos que se van acometer nel.
Así mesmo, adaptarase o Plan funcional deste hospital ás novas necesidades derivadas da creación da estrutura organizativa de Xestión Integrada das áreas de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos, aprobada no ano 2013. Esta iniciativa enmárcase dentro da Estratexia Sergas 2014 en relación coa modernización das infraestruturas sanitarias para mellorar a asistencia prestada aos cidadáns e o contorno de traballo dos profesionais.