Lugo, 26 de setembro de 2014. O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, aproveitou a rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno dos venres para “saudar” a dimisión de Alberto Ruíz Gallardón como ministro de Xustiza e para pedirlle ao seu substituto, Rafael Catalá Polo, “que igual que o Goberno deu marcha atrás na reforma da Lei do Aborto, retire tamén o Anteproxecto de Reforma da Lei do Poder Xudicial e manteña todos os xulgados existentes actualmente na provincia de Lugo”.
Veiga lembrou que o Pleno da Deputación Provincial de Lugo aprobou por unanimidade o 28 de maio de 2013 unha moción presentada polo BNG, na que se instaba ao Goberno do Estado a retirar a proposta de modificación da Demarcación de Planta para establecer un único partido xudicial por provincia, o que suporía a eliminación das unidades xudiciais das comarcas e a concentración do servizos xudiciais nas capitais de provincia.
“De aprobarse a proposta que deixou sobre a mesa o ministro Gallardón, a reforma suporía un agravio para os concellos do rural lucense, posto que desaparecerían os partidos xudiciais de A Fonsagrada, Becerreá, Sarria, Chantada, Monforte, Mondoñedo, Vilalba e Viveiro, obrigando aos cidadáns a desprazarse a Lugo para poder empregar estes servizos públicos, co consecuente trastorno persoal, familiar, laboral e económico que iso supón”, denunciou o vicepresidente da institución provincial. Ademais, esta medida “incidiría no colapso que xa sofre na actualidade a administración de xustiza e que está a supor unha merma na atención aos cidadáns e un recorte nos seus dereitos”, afirmou Antonio Veiga.
Non está garantido que se manteñan os xulgados da provincia de Lugo
A Xunta presentou alegacións no pasado mes de xullo ao anteproxecto do Goberno e reclamou que a reforma de la Ley Orgánica do Poder Xudicial teña en conta as particularidades de Galiza e que se manteñan tribunais de instancia nas cidades de Vigo, Santiago de Compostela e Ferrol, ademais dos que a nova norma contempla para as capitais de provincia, Ourense, Pontevedra, A Coruña e Lugo, e o xa ex ministro Gallardón anunciou, xunto a Feijóo e a Alfonso Rueda o pasado 31 de xullo en Compostela que se manterían os Xulgados de Vigo, Ferrol e Santiago, “pero o resto de Xulgados galegos non están garantidos”, advertíu Veiga.
“Así que pedímoslle tamén a Feijóo e a Rueda que defendan diante do Goberno central e do Consello Xeral do Poder Xudicial os xulgados da provincia de Lugo, igual que defenderon o mantemento dos de Ferrol, Santiago e Vigo, porque Galiza non só é o Eixo Atlántico, Lugo e Ourense tamén existen”, demandou. “Pedimos que se teñan en conta os criterios de distribución poboacional e a necesidade de proximidade, que xa prevaleceron na última reforma, a de 1987, e se manteñan polo tanto todos os xulgados existentes na provincia de Lugo, os de A Fonsagrada, Becerreá, Sarria, Chantada, Monforte, Mondoñedo, Vilalba e Viveiro, ademais do de Lugo”, reiterou.
Ofensiva recentralizadora
Esta proposta de reforma xudicial enmárcase na “ofensiva recentralizadora” emprendida polos executivos central e galego con medidas que camiñan cara a recentralización do Estado; tanto no senso de prestación de servizos públicos como de toma de decisións, indicou Antonio Veiga, que afirmou que “o PP emprendeu unha reorganización e centralización dos servizos que teñen a capital da provincia como único referente territorial para localizar e prestar estes servizos públicos fundamentais, en detrimento dos concellos cabeceira de comarca”.
“A ninguén se lle escapa que cada unha das reformas que vén impulsando o PP a través do Goberno do Estado e a Xunta de Galiza responde a unha estratexia consciente de desmantelamento dos servizos públicos do rural e a supresión de dereitos básicos para a súa veciñanza”, denunciou o vicepresidente da Deputación lucense, provincia rural, polo tanto, “gravemente prexudicada por estas medidas”.




















Un home perdeu a vida este xoves tras sufrir un accidente cunha res no lugar de Carelle Grande, na parroquia do Burgo (Muras). O suceso tivo lugar sobre as 19 horas, cando un familiar deu a voz de alarma ao 112 Galicia e explicou que o implicado fora aplastado polo animal. De inmediato, activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que desprazaron ao punto o helicóptero medicalizado con base en Santiago, e a Garda Civil. Unha vez alí, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento do home.
Con motivo desta conmemoración, o Concello anima á veciñanza a participar no Certame do Día do Libro, unha iniciativa pensada para fomentar a creatividade en todas as idades. Categorías do certame: Infantil (3-6 anos): creación dun marcapáxinas orixinal. Primaria (7-11 anos): continuación dunha historia proposta. Adultos (12+ anos): relato, anécdota familiar ou continuación da historia proposta. Data límite: 30 de abril. Envío por correo: prensa@concellodecervo.com. Envío por WhatsApp: 683 315 939
A directora, Ana Traseira, e o brand manager, Carlos García, representaron ao centro lucense, que presentou a experiencia “A comunicación: unha nova ponte cara Lugo”, recoñecida co Accésit do Consello Social da UNED 2025. O proxecto destaca pola súa aposta pola innovación, a proximidade e a mellora continua na relación coa contorna. A UNED de Lugo agradeceu a oportunidade de participar nun espazo que reforza a colaboración e contribúe a construír unha universidade máis conectada, accesible e comprometida.
O curso, impulsado polo Principado de Asturias, desenvolverase en modalidade semipresencial con sete sesións presenciais na Sala El Pajar de As Quintas (A Caridá), en horario de 16:00 a 19:00 horas. A formación é de nivel básico e está aberta tanto a persoas sen experiencia previa como a quen queira iniciarse na fala. As inscricións poden realizarse a través da plataforma da Federación Asturiana de Concejos. O Concello destaca que esta iniciativa contribúe á preservación do patrimonio lingüístico e cultural do territorio.
Varios grupos participan en obradoiros de cestería na Devesa e de manualidades en Rinlo, Cinxe e As Anzas. A Área de Benestar Social, Saúde e Familia quere “potenciar deste xeito a convivencia e encher de propostas os locais sociais do noso concello e de entretemento ás persoas que viven nas parroquias de Ribadeo”.
A programación inclúe propostas variadas como cociña, manualidades, cestería, risoterapia, baile e poda, pensadas para ofrecer alternativas de lecer e fomentar un envellecemento activo entre a veciñanza. Desde o Concello destacan que as actividades “están a ter unha resposta moi positiva por parte dos veciños e veciñas”, o que demostra o interese por este tupo de propostas. Neste sentido, poñen en valor a importancia de promover este tipo de iniciativas, xa que “contribúen a promover un envellecemento activo e melloran a calidade de vida das persoas, xa que fomentan a participación social e serven como punto de encontro”.
Fixoo no marco do Campionato Galego de Coctelería celebrado no Hostal dos Reis Católicos.



