LUGO, 6 DE MARZO DE 2015.- Con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora, que se celebra o vindeiro domingo 8 de marzo, organizan mañá sábado un almorzo de traballo no Mercado de Quiroga Ballesteros co obxectivo de reivindicar unha igualdade real en materia laboral de mulleres e homes.
As Secretarias de Economía e Política Social da Executiva Provincial do PSOE – Pilar García Porto e Ana González Abelleira- xunto coa Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo –Lara Méndez- manterán unha xuntanza con diversos colectivos de mulleres da provincia de Lugo para manifestar a súa implicación na loita por establecer unha serie de medidas que fagan posible a igualdade no emprego como a incorporación das mulleres a todos os postos de responsabilidade ou a igualdade salarial. En definitiva, o obxectivo é promover unha igualdade real e efectiva en todas as políticas públicas e na sociedade en xeral.
Nesta xuntanza analizarase a fenda salarial entre homes e mulleres, as dificultades de acceso feminino ao emprego, as condicións de acceso aos postos de traballo, as taxas de temporalidade e as contratacións a tempo parcial. Diferenzas entre homes e mulleres que se foron agravando coas políticas de recortes e axuste do Goberno do PP e o escaso número de políticas de igualdade que están a promover.
As mulleres e colectivos participantes compartirán as súas experiencias coa situación actual e formularán os retos de futuro aos que se terá que facer fronte dun xeito inmediato.