O Partido Popular de Foz quere denunciar a actitude do candidato do PSOE, Xaime Cancio, no debate electoral que tivo lugar na Casa da Cultura o pasado venres.
O señor Cancio non soubo aceptar o ridículo no que o puxo o candidato do PP e actual alcalde, Javier Castiñeira, cando nun momento do debate ensinou o carné e a folla de afiliación ao PP do señor Cancio. Na súa intervención Castiñeira dixo que o problema non era a militancia no PP de Xaime Cancio, porque todos sabemos ou nos podemos esperar a muda de chaqueta que fixo o señor Cancio durante toda a súa traxectoria política. O problema é que o señor Cancio negou estes feitos de maneira reiterada e tratou de mentiroso ao señor alcalde incluso nos plenos da Corporación, e hai están actas que o corroboran. Evidentemente quedou completamente en ridículo cando o alcalde sacou unha copia ampliada da folla de afiliación ao Partido Popular firmada por Cancio e outra co seu carné do PP.
Unha vez que o auditorio foi testemuña da mentira de Xaime Cancio, este señor perdeu os nervios chegando incluso a golpear o brazo do alcalde, sacando así o carácter agresivo que Cancio esconde debaixo da pel de cordeiro.
Ao final, hai que darlle a razón ao señor Rivera, o que fora socio de Cancio durante 16 anos no goberno municipal socialista, cando no seu libro fala dese carácter oculto do señor Cancio. Detrás desa persoa plácida e tranquila que amosa a diario quedou patente o que se oculta: unha persoa fría e vingativa, tal e como se puido escoitar e ver o pasado venres no debate da Casa da Cultura….
Nótase tamén que Xaime Cancio está moi nervioso e que se xoga todo nestas eleccións. Cando dixo aos catro ventos que se xubilaría no PSOE, entendemos que desta vez pode que acerte, porque cando vexa os resultados do vindeiro 24 de maio e vexa que os focenses lle van a dar o que merece, non lle vai quedar máis remedio que xubilarse politicamente e dedicarse ao que mellor se lle da: facer viaxes e demais.
Tamén nos chama a atención o señor Sixto, portavoz de Foz Plataforma de Futuro, ex compañeiro de Xaime Cancio e secretario xeral do PSOE focense durante varios anos. O señor Sixto está demostrando a mesma actitude e maneiras que amosou o señor Cancio cando se embarcou en Unifoz; todo se lle volve criticar ao equipo de goberno aparcando as discrepancias co señor Cancio e disimulando bastante o medo a posibles enfrontamentos.
Pola súa parte, o alcalde responde e respondeu perfectamente a todas as críticas da oposición mantendo sempre unha actitude correcta e antepoñendo os intereses do Concello aos intereses personalistas e partidistas da oposición, tal e como se merecen os veciños e veciñas do pobo de Foz.
Juan Rivas (secretario xeral do PP de Foz)
















Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.



