Cervo, 9 de xullo de 2015.- A bandeira azul da praia do Torno, que recuperou este ano, será izada este sábado, día 11, ás 13:30 horas. Anunciouno este xoves a concelleira de Medio Ambiente e Turismo, Manuela Méndez Álvarez.
“O vindeiro sábado, día 11, ás 13:30 horas procederase ao izado da bandeira azul no mastro da praia do Torno, en San Ciprián. Por dito motivo dende o Concello convócase aos veciños e veciñas e ás persoas que nestas datas de verán nos visitan a participar de dito acto. O Concello de Cervo quere aproveitar o feito da celebración da Foliada Nordestía que terá lugar este sábado na localidade mariñeira de San Ciprián para proceder á celebración deste acto cargado de simbolismo e bo facer como é o izado da bandeira azul, que ademais supón a recuperación deste importante galardón turístico para unha das nosas praias máis senlleiras, como é a de O Torno”, explicou Manuela Méndez.
A concelleira engadiu que “deste xeito, ao tempo que se aposta pola recuperación dunha das nosas tradicións musicais de maior raigame cultural coma é a celebración das foliadas e que converterá durante esta fin de semana á localidade de San Ciprián no epicentro da música tradicional da nosa comarca, pretendemos celebrar e conmemorar a recuperación da bandeira azul para dito areal. E que mellor momento e xeito para facelo que aproveitar a presenza de varios grupos de gaitas e pandeiretas no noso concello e os seus magníficos e inigualables sons musicais para proceder a izar dito galardón turístico”.
A edil de Medio Ambiente destacou que “dito galardón ven facer verdadeira xustiza á excelente calidade que presentan na actualidade as nosas augas mariñas e os importantes servizos turísticos que oferta a praia do Torno, os cales son sen dúbida os auténticos protagonistas desta merecida homenaxe, que a bo seguro resultará do agrado dos veciños e visitantes que estes días de verán están a gozar das nosas praias, dos servizos que ofertan e das múltiples e variadas actividades que ofrece o Concello de Cervo”.