Lugo, 7 de agosto de 2015.- A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, anunciou este venres que a administración provincial estase a implicar a través de dúas vías coas distintas rutas do Camiño de Santiago ao seu paso pola provincia. Por un lado, dende o punto de vista promocional e, por outro, a través de actuacións dirixidas a garantir a seguridade dos peregrinos.
No que afecta á seguridade, a presidenta provincial explicou que a Deputación de Lugo asistiu á comisión creada para estudar as problemáticas coas que se poden atopar os peregrinos ao seu paso pola provincia. Tendo en conta que diferentes treitos do Camiño de Santiago coinciden con vías provincias, a Deputación levará a cabo actuacións para garantir a seguridade. Moitos dos puntos que entrañan maior risco xa foron identificados e trasladados polas asociacións.
Deste xeito, as primeiras medidas que adoptará de xeito urxente a Deputación de Lugo serán pintado de paso a peóns, sinalización vertical de limitación da velocidade, así como colocación de bandas sonoras en cruces da LU-P-2901 en San Xoán do Alto e en Bacurín (Lugo). Estas mesmas actuacións acometeranse no cruce da LU-P-1611 en San Román da Retorta (Guntín), onde existen dous pasos de peregrinos; así como nos cruces da LU-P-2101 en Seixón de Arriba e na LU-P-2113 en Miraz (Friol).
A maiores, a través da Fundación TIC elaborarase un vídeo para a promoción dos distintos camiños que transcorren pola provincia “de forma que todos os concellos terán o seu protagonismo e poderán dispoñer dun instrumento promocional do seu municipio”, abundou Candia.
Convenio con Foz
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe a concesión dunha subvención ao concello de Foz para afrontar os gastos derivados dos estudos técnicos e proxectos iniciais coa finalidade de humanizar e impulsar o comercio nas Avenidas de A Mariña e Álvaro Cunqueiro.
A presidenta da institución asegurou que deste xeito se está a atender a unha petición trasladada dende a administración local que ten por finalidade humanizar as dúas rúas, “gañando espazo para os peóns e mellorando o aspecto con novos materiais no firme e no equipamento”.
Estas rúas teñen unha idea orixinal de travesía de paso e de circulación de vehículos polo centro de Foz e “relegan a un aspecto secundario o desfrute da vía urbana polo veciño a pé e en sentido comercial. Consideramos que estas avenidas deben ser adaptadas ás necesidades actuais dos cidadáns sempre buscando o maior consenso posible”, engadiu.
Este convenio, por un importe de 12.000 euros, ten por obxecto financiar os estudos técnicos e proxectos iniciais desta obra de reforma, “coa finalidade de redactar un anteproxecto que poda servir de base para traballar en consenso cos veciños e coas entidades vinculadas ao sector comercial”.
Convenio con Antas de Ulla
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo tamén aprobou esta mañá a concesión dunha subvención excepcional ao Concello de Antas de Ulla para a realización das obras precisas para efectuar novas captacións de auga nas parroquias de Olveda e Rial, dado o desabastecemento que están a sufrir pola seca e as altas temperaturas.
Trátase, polo tanto, dun asunto de especial urxencia xa que “as condicións climatolóxicas que estamos a sufrir provocaron que a gran maioría dos veciños destas parroquias se quedasen sen o servizo básico de auga, cos conseguintes problemas que esta situación comporta”.
A achega económica de 6.000 euros permitirá realizar obras como a escavación do terreo ou a construción das tubaxes que permitan dotar aos veciños de novas captacións de auga.
Comisión valoración SAF
A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, deu conta ademais da celebración da comisión de valoración para a concesión de subvencións aos concellos destinadas a sufragar os gastos correntes do servizo de axuda no fogar, cuxo importe de financiamento se duplicou co novo goberno provincial, o que beneficia de xeito directo a todos os concellos da provincia.
En concreto, Candia lembrou que esta liña de axudas conta cunha dotación orzamentaria de 1,2 millóns de euros, fronte aos 600.000 euros que achegaba o goberno bipartito ao comezo do último mandato. “É un acto de xustiza cos veciños da provincia que beneficiará tanto aos usuarios como aos concellos”, valorou.
A presidenta da Deputación explicou que na comisión de valoración estivo presente o voceiro do Grupo Socialista, que se abstivo ante a proposta, mentres que o Bloque Nacionalista Galego non acudiu a esta convocatoria. Unha vez celebrada esta comisión de valoración prevese a aprobación destas subvencións a vindeira semana ben na Xunta de Goberno ordinaria do venres, ou ben a través da celebración dunha sesión extraordinaria.
Unha das primeiras medidas asumidas polo novo goberno provincial foi a de incrementar en medio millón de euros a partida destinada ao SAF e con este incremento acadamos que “en máis do 70% dos concellos logremos cumprir co decreto de servizos sociais que regula que as administracións apoiarán prioritariamente o financiamento do SAF Básico”.
Candia lembrou que “nos atopamos con limitacións orzamentarias e que nesta anualidade non podemos lograr o desexado” ao tempo que avanzou que “é un compromiso do novo goberno provincial saldar nos próximos orzamentos provinciais a débeda contraída cos concellos da provincia durante estes anos”.
A presidenta da Deputación tamén anunciou que se estudará a modificación das bases polas que se rexe a concesión destas subvencións. “Atopámonos cuns criterios técnicos e unhas bases aprobadas que tivemos que respectar, o que provoca que algún municipio non vexa incrementada a súa achega con respecto ao ano pasado pese a duplicarmos o financiamento do SAF”, aclarou a presidenta.
Esta circunstancia de que un número reducido de concellos sufran unha baixa respecto a pasada anualidade e pese a ser o orzamento maior motívase polo tanto nos criterios aprobados polo anterior goberno. Por exemplo, un dos criterios que se contemplaba nos anos anteriores, e que nesta convocatoria non figura nas bases, era o de manter a contía concedida no ano anterior pese a que o resultado de aplicación do baremo fora inferior, sempre e cando se cumprira o mesmo número de horas e a mesma achega de fondos propios do concello.
Polo tanto, Candia precisa que se está a traballar na liña de mellorar esta colaboración cos concellos, que nesta anualidade se incrementou o orzamento dentro da dispoñibilidade existente e que paulatinamente se saldarán as débedas contraídas cos concellos e se mellorarán as bases e os criterios para que ningún municipio resulte afectado. “Estamos diante dunha das cuestións nas que máis insistimos no anterior mandato dende a oposición e, polo tanto, agora dende o goberno é un acto de coherencia e responsabilidade continuar a traballar nesta liña”.





















O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.
Alí salientou o papel que desenvolve este evento no impulso dos produtos agroalimentarios de proximidade, ao tempo que favorece as canles curtas de comercialización. Destacou tamén a importancia deste mercado, considerado como un dos máis antigos da provincia de Lugo, xa que ofrece unha ampla mostra dos principais oficios de artesáns da Idade Media. Ademais, permite aos asistentes gozar de actividades variadas e degustar produtos agroalimentarios diversos.
A institución provincial colabora con ambas citas, organizadas pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa, cunha achega económica de 4.000€. García Porto recalcou que “estes eventos son un exemplo de como a historia da emigración pode converterse nun atractivo turístico de calidade, capaz de atraer visitantes e de reforzar o orgullo de pertenza da veciñanza”.
O evento incluirá espicha, queimada, brujo con conjuro e sesión DJ. O prezo é de 50 euros por persoa, con reserva previa no 611 185 336 e prazas limitadas. A organización lembra que “el 12 de agosto cuando caiga la noche la celebración continúa en Los Olivos… la noche culminará con una queimada elaborada por el Brujo Gonzalo, seguida de una sesión DJ para poner el broche final a una jornada inolvidable”.
Baixo o título Memoria de mariñáns. Unha crónica da emigración da Mariña, o xornalista e investigador Martín Fernández Vizoso ofrecerá unha intervención centrada nas historias e vivencias dos emigrantes da comarca, ilustrando o fenómeno migratorio que marcou a vida de moitas familias ao longo do século XX. O evento inclúe tamén unha imaxe histórica de mariñáns retornados de América nos anos 30, que serve de fío visual para contextualizar esta realidade.
En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.



