Mondoñedo, 5 de xaneiro de 2016.- Ante as declaracións da concelleira de facenda do concello de Mondoñedo, nas que presume da cancelación de dous créditos en “tan só seis meses de xestión”, e no relativo á presentación dos orzamentos do concello para o 2016 no vindeiro pleno de Xaneiro, o BNG quere manifestar e aclarar:
1º- Os créditos aos que alude a concelleira Mª Ángeles Rodríguez Rico foron concertados durante o mandato do PP no exercicio 2000 e vencían no exercicio 2015.
O primeiro de 300.938,78 € foi concertado o 31 de agosto do 2000, e tiña como data de vencemento o 30 de setembro de 2015.
O segundo de 521.726,10 € foi concertado o 31 de decembro do 2000 e tiña como data de vencemento o 31 de decembro de 2015.
O capital pendente de amortización ao 31 de decembro do 2014 para estes créditos ascendía a 25.078, 14 € e 65.215,85 € respectivamente. Amortizacións que se fixeron efectivas con total normalidade ao longo dos exercicios correspondentes en función dos prazos establecidos nas operacións crediticias concertadas.
2ª- Na reunión de voceiros/as celebrada o 23 de decembro de 2015 non se presentou ningún proxecto ou borrador de orzamentos para o exercicio 2016 sobre o que se puidera traballar. Tan só se entregou un estado de liquidación do orzamento de ingresos do 2015 con data referenciada ao 27 de novembro de 2015, no que se observan, por certo, cifras preocupantes e denotativas ou ben dunha deficiente xestión económica ou de non ter a contabilidade ao día.
Polo demais resulta sorprendente que un goberno con maioría absoluta, presidido pola puntillosa portavoz do PP na deputación de Lugo, que con tanto afán critica ao goberno bipartito provincial por non presentar os seus orzamentos en prazo, non cumpra o que ela esixe no concello que goberna.
3ª- dende o grupo municipal do BNG non vemos razóns polas que o PP poda presumir de xestión económica, ao contrario, vemos con preocupación a ausencia de medidas para unha xestión seria e responsable en materia económica e contable. Máis xa se sabe, dime do que presumes e direiche do que careces.