Cervo, 19 de maio de 2016. A Casa de Cultura de San Cibrao acollerá este venres, ás 20.30 horas, o concerto do músico e cantante Roi Casal organizado pola Delegación de Cultura do Concello de Cervo para conmemorar o Día das Letras Galegas. Nesta actuación, titulada Donos do noso destino, Roi Casal interpretará temas con letras do escritor Manuel María. A entrada é gratuíta.
Roi Casal naceu en 1980 e é un músico, compositor e cantante galego de gran virtuosismo coa arpa céltica, a zanfona e o bouzouki. Formouse co mestre Rodrigo Romaní e no Conservatorio Superior de Música de Madrid. No ano 2000 entrou a formar parte do grupo Milladoiro e no 2009 comezou a súa carreira en solitario coa publicación dos disco Lendas douradas. Dous anos despois sacou o traballo Maxicamente vello, realizou unha xira de máis de 50 concertos por todo o estado español e noutros países e recibiu numerosos recoñecementos, entre os que destaca o Premio Internacional Cubadisco, que lle entregaron en La Habana en 2014, un prestixioso galardón que o ano anterior recibira Paco de Lucía. Ese mesmo ano publicou Donos do noso destino, co que fixo unha xira internacional por Suíza, Uruguai, Arxentina e Cuba, e recibiu o premio Bo e Xeneroso por parte da Fundación Eduardo Pondal. Tamén en 2014 varios temas da súa discografía foron seleccionados para as bandas sonoras das series da Televisión de Galicia Caseiros e Pazo de familia.