Barreiros, 13 de xuño 2017. O BNG, a través do seu deputado provincial pola Mariña, anunciou que no vindeiro Pleno do Consorcio de Bombeiros esixiralle á Xunta de Galiza “que cumpra cos seus compromisos e fagan a aportación económica necesaria para equiparar o salario dos bombeiros do parques comarcais de Lugo co resto de parques de outras provincias”. Veiga sinalou que “esta é outra das discriminacións das que a Xunta ten sometida a Lugo, privando a estes traballadores dun salario digno a pesares de que a Deputación xa puxo os medios económicos para poder equiparar o seu salario”.
Antonio Veiga apuntou que foi o BNG “quen apostou dun xeito inequívoco pola equiparación salarial e conseguiu, dende a Deputación de Lugo, a eliminación dos contratos precarios aos que estaban sometidos unha parte dos bombeiros dos parques comarcais”. Veiga sinalou que, neste caso, “viuse que os compromisos do PP son papel mollado e aínda que Candia promete, Balseiro non deixa facer” e lembrou a voceira do PP na Deputación comprometérase persoalmente cos representantes dos bombeiros a mediar coa Xunta para que nos orzamentos galegos se incluísen as cantidades necesarias para que os bombeiros de Lugo tivesen salarios equiparados a bombeiros das outras provincias.
Para o BNG “o problema da equiparación salarial dos bombeiros é unicamente un problema de vontade política e na Deputación demostrouse cando o BNG estivo no goberno e, ademais dunha incorporación de 330.000 euros aos orzamentos provinciais, conseguiuse que as empresas concesionarias eliminaran as contratacións precarias que se estaban a dar nos parques comarcais de bombeiros de Viveiro, Barreiros, Chantada, Sarria, Monforte e Vilalba”. Veiga anunciou que “o BNG defenderá tamén no Parlamento Galego e en todos os estamentos implicados esta reivindicación xusta destes traballadores”.