Lugo, 25 de agosto de 2017. O Goberno da Deputación achega unha completa programación cultural e gastronómica durante a fin de semana dinamizando a economía da provincia con 57.000 euros que permiten a celebración dende hoxe e ata o domingo de 6 citas turísticas ao longo do territorio lucense.
Esta achega económica enmárcanse no Plan Estratéxico de Turismo, que establece a promoción da cultura, gastronomía ou a natureza, como aspectos diferenciais de cada un dos Concellos da provincia de Lugo, que permiten ofrecer unha oferta única e variada, atraendo a visitantes e xerando riqueza e postos de traballo a través do turismo.
Deste xeito, ao longo da fin de semana agárdase que milleiros de persoas se acheguen a participar na III Feira do Libro, en Burela, no III Festival dos Eidos, en Folgoso do Courel, na XII Festa da Pandeira, en Cervantes; no XV Festival Terra Brava, no Incio, no Folión de Carros, en Chantada; e na XVI Festa do Pemento de Mougán, en Guntín.
Durante toda a fin de semana, citas en Burela e Parada do Courel
Hoxe, venres 25 de agosto, darán comezo dúas das iniciativas promovidas polo Goberno da Deputación en Burela e Parada do Courel, que se prolongarán durante toda a fin de semana. Trátanse da III Feira do Libro no municipio da Mariña e o III Festival dos Eidos, que terá lugar na Montaña Lucense. Ambas iniciativas contan co patrocinio principal do Goberno da Deputación, que decidiu achegar 38.000 euros para facer posible a súa organización.
A Feira do Libro de Burela arrancará hoxe co pregón da escritora Marica Campo e continuará ata o domingo incluído. Contará con 10 expositores doutras tantas librerías, presentacións e sinaturas de publicacións dos propios autores, ademais das actuacións de Luar na Lubre ou do cuarteto local de jazz, así como actividades para nenos como contacontos. O Goberno da Deputación colabora co Concello de Burela na organización deste evento cunha achega de 3.000 euros.
Os outros 35.000 euros son para a celebración do III Festival dos Eidos, organizado pola Fundación Uxío Novoneyra, en Parada do Courel. Son tres días de programación contemporánea que inclúe recitais, concertos, artes perfomativas e do corpo, exposicións e roteiros culturais. Todo nun marco privilexiado: a Casa da Fonte en Parada, o Souto da Rubial e as montañas do Courel. O Festival chega a súa terceira edición ampliando as actividades e o número de asistentes.
Sábado e domingo, citas no Incio, Cervantes, Chantada e Guntín
O sábado, o Concello de Cervantes acollerá a XII Festa da Pandeira, unha das citas máis consolidadas na Serra dos Ancares, que promove a tradición musical da contorna, e para a que o organismo provincial achega 2.500 euros. Reunirá a case unha decena de pandeiras de Lugo, Asturias e Castela León, consideradas como as mellores destas zonas. Haberá obradoiros gratuítos para aprender a tocar este instrumento e os seus bailes da man de profesionais.
Así mesmo, no Concello do Incio celebrarase o XV Festival Terra Brava. Este certame musical enmárcase dentro da programación cultural e turística do Concello do Incio, coa que colabora o Executivo Provincial cunha achega económica de 8.000 euros, o que permite a celebración de distintas actividades ao longo do ano. A xornada contará cunha sesión vermú, un xantar popular e actividades infantís. O Festival, que dará comezo ás 21:00 horas, contará coa actuación dos grupos galegos: Carunchos, Xarín, Banda Xangai & Jarbanzo Negro e Desviaos.
Mentres que en Chantada terá lugar o Folión de Carros, declarada Festa de Interese Turístico Galego, na que bois e vacas tiran dunhas carrozas, nas que se representan distintos oficios tradicionais, como a cantería, a forxa ou a cestería, entre outros. O Goberno da Deputación colabora coa Asociación Cultural Amigos do Folión cunha achega de 2.500 euros, coa que se restauraron seis dos carros que se van a empregar durante esta cita, recuperando e impulsando este tipo de tradicións ligadas á cultura galega e moi enraizadas na Comarca de Chantada.
Finalmente, o sábado dará comezo a XVI Festa do Pemento de Mougán, que se estenderá tamén ao domingo. O Goberno Provincial colabora co Concello na organización desta cita, cunha achega de 6.000 euros. Faino para contribuír á promoción deste produto autóctono, que conta co distintivo de Indicación Xeográfica Protexida. De feito, o Executivo da Deputación tamén colabora coa Asociación de Produtores do Pemento de Mougán mediante outras axudas económicas que facilitan a súa actividade.




















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



