Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2017.- O curso 2017/18 comeza cun total de 36 centros plurilingües na provincia de Lugo trala ampliación deste tipo de modelo –que implica a impartición de ata un terzo do horario lectivo en lingua estranxeira– á educación infantil, bacharelato e Formación profesional. Os datos definitivos das diferentes etapas –excepto de FP, que sairán en breve–, así como das seccións bilingües, poden consultarse na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no seguinte enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/.
A ampliación do ensino plurilingüe ás distintas etapas –ata o curso pasado estaba presente en primaria e secundaria– enmárcase no desenvolvemento da nova Estratexia galega de linguas estranxeiras, EDUlingüe 2020, presentada a inicios de xuño. Os primeiros resultados desta iniciativa acreditan que neste curso 2017/18, un total de 8 centros da provincia de Lugo decidiron introducir o plurilingüismo en infantil, denominado Plurinfantil.
Ademais, á rede dos centros plurilingües clásicos (primaria e secundaria) súmanse este curso un total de cinco novos: o CPR La Inmaculada de Lugo, o CEIP Monte Baliño de Pantón, o CPR Sagrado Corazón de Jesús de Ribadeo, o CEIP Eloísa Rivadulla de Chantada e o CEIP de Monforte de Lemos.
Así mesmo, a provincia lucense suma 28 novas seccións bilingües.
322 en toda Galicia
A nivel Galicia, un total de 83 centros estenderon o plurilingüismo en infantil, 4 fixérono no bacharelato e, así mesmo, haberá 12 ciclos formativos plurilingües en 7 centros educativos. Tendo en conta estas novidades, así como os 25 novos centros que se incorporan á rede clásica (primaria e secundaria), este curso haberá un total de 322 centros plurilingües en toda a comunidade, 40 máis con respecto ao curso 2016/17. Isto significa multiplicar por máis de 5,5 o número de centros plurilingües que había no curso 2010/11.
En canto ás seccións bilingües, aumentan en 231 ata chegar ás 4145, un 6% máis con respecto ao curso pasado. En concreto, son 110 os centros que incorporan seccións bilingües, dos que 34 o fan por primeira vez. En canto ás linguas estranxeiras das novas seccións, 223 son de inglés, 6 de francés e 2 de portugués. Se se teñen en conta os datos do curso 2008/09, no que había 720 seccións, a actual cifra supón multiplicar por case 6 este número.
Así mesmo, dentro do programa CUALE, de Cursos para a formación complementaria da aprendizaxe en linguas estranxeiras, un total de 1200 alumnos recibirán formación fóra do horario escolar en centros que voluntariamente participan, co fin de preparar o alumnado para a certificación oficial en Escolas Oficiais de Idiomas.
No caso do profesorado, unha das medidas incluídas no Plan anual de formación do profesorado para o curso 2017/18 é o plan específico en linguas, dotado este ano de 2.500 prazas, que busca promover a certificación de nivel dos docentes.
EDUlingüe 2020
Entre os obxectivos da estratexia EDUlingüe no horizonte 2020 está alcanzar os 500 centros plurilingües, 600 novas seccións bilingües e duplicar o número de auxiliares de conversa ata chegar aos 1000.
Ademais, tamén se favorecerá a certificación de nivel do alumnado ao remate da etapa, co fin de que o 30% dos mozos e mozas que finalicen a ESO en centros plurilingües certifiquen un nivel B1, e o 30% dos de bacharelato faga o mesmo en B2.





















Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
O 112 Galicia tivo constancia do accidente arredor das 13:20 horas deste martes. Segundo varios particulares, dous turismos colidiran no quilómetro 79 da LU-862. Nun vehículo había un ferido, mentres que no outro unha persoa estaba atrapada, aínda que se atopaba en bo estado trala colisión. Desde o CIAE 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Viveiro, á Garda Civil de Tráfico e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Vicedo. Unha vez no punto, a dotación de bombeiros puido liberar á persoa atrapada.
A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.
Alí salientou o papel que desenvolve este evento no impulso dos produtos agroalimentarios de proximidade, ao tempo que favorece as canles curtas de comercialización. Destacou tamén a importancia deste mercado, considerado como un dos máis antigos da provincia de Lugo, xa que ofrece unha ampla mostra dos principais oficios de artesáns da Idade Media. Ademais, permite aos asistentes gozar de actividades variadas e degustar produtos agroalimentarios diversos.
A institución provincial colabora con ambas citas, organizadas pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa, cunha achega económica de 4.000€. García Porto recalcou que “estes eventos son un exemplo de como a historia da emigración pode converterse nun atractivo turístico de calidade, capaz de atraer visitantes e de reforzar o orgullo de pertenza da veciñanza”.



