Non quero deixar escapar este 2017 sen lembrarvos que a novela de Xe Freyre (Mondoñedo, 1962) “Cando o gato mira de esguello” leva 30 anos entre nós. Trátase do único texto literario de certa extensión que, desde a portada á contracapa, sucede integramente nun Mondoñedo renomeado na ficción como Torrevella de Abrea. Non esquezo “A Besta”, de Xan de Masma, nin a aínda moi fresca novela de Lionel Rexes, “A raíña das velutinas”, nin, por suposto, moitas pasaxes de Cunqueiro, Mayoral, e ata de A. Fernández Paz que sitúa case toda a acción do seu “Desde unha estrela distante” tamén en Mondoñedo.
“Cando o gato mira de esguello” veu a luz primeira en edición do autor, logo de merecer un recoñecemento da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, con ilustracións do artista mindoniense Mauro Leivas, no verán de 1987. Edicións Morgante reeditouna en 2011. Volvín a ela este verán, coa calma que goberna as relecturas e co desexo de apreixar mellor as esencias dun texto que lembraba xa gozoso. E non me defraudou; ao contrario, creo que desta volta fun quen de chegar ao releixo do imaxinario que goberna a trama ideada polo autor.
Gaspar Soutullo de Batitalas e de Combarro, excéntrico e enigmático artista, fabulador empedernido dá pé a cada parte da novela. O crego Víctor Mourenza, o cura novo, Alicia Ansede e moitos ‘dons’ e “donas” (personaxes de postín dunha especie de gueto vilego aburguesado) van desenvolvendo un fío condicionado pola morte dos dous protagonistas principais, pero, sobre todo, polas influencias de Asmodeo, o gato (ou gata?) que goberna desde a sombra todo canto sucede en Torrevella de Abrea. Para o caso, Mondoñedo, ou, se o prefiren, unha evocación daquel adormentado “… vougo de pedra e xentes que durmían. Séculos e séculos durmindo. Séculos e séculos orballando”.
Asmodeo, o da orella bífida (a esquerda) e de pelame negra, cunha mancha de cor teixa na barriga, gorentoso das bolboretas, noitébrego, sempre queixoso do ventre, é ese felino demoníaco que re-torce co seu mirar de esguello todo canto sucede nesta historia de ritmos alternos, ás veces vaporosos e outras bruscos como cadoiros desbocados.
Envólveo todo, un dos grandes méritos desta novela, unha riqueza léxica precisa, poética, unha linguaxe primorosa, un fluír de metáforas e acertos tan xeniais como “rir á francesa”, ou o xogo alterno de linguas (galego ou castelán) segundo que personaxes aparezan en escena.
Xe Freyre, hai que recoñecelo, non é precisamente do gremio dos escritores compulsivos que soen ofrecer urxentes novidades sen reparar se o ano é par ou impar. Ao contrario, esta é a súa primeira e única novela publicada, que saibamos. Mágoa, pois se co seu saber facer de hai 30 anos, con apenas 25 anos vividos naquel entón, foi capaz de crear esta fantástica novela, que non sería quen de ofrecernos despois.
Mais, prezadas e prezados lectores, pensando especialmente nos que sodes mindonienses, non deberades deixar de ler esta novela que recrea un Mondoñedo máis actual do que puidera parecer, un Mondoñedo aínda fresco na memoria de moitos dos que estamos vivos e, ao tempo, evocador dun pesadelo que xa aparenta que se foi.
Sei por Fran Bouso que Xián Xacobe Freire, fillo de Xe, traballa no guión do que co tempo pode chegar a ser unha versión cinematográfica desta novela. Oxalá chegue a feliz porto esta iniciativa! Sería, estou convencido, a película de Mondoñedo!
Antonio Reigosa –cronista oficial de Mondoñedo



















Este venres, 14 de agosto ás 20.00 horas, terá lugar a presentación do libro "Espiritualidad", unha longa reflexión sobre a dimensión espiritual do ser humano, levada a cabo por 8 autores de diferences orientacións relixiosas, no Local Social do Parque Concepción Arenal (antigo matadoiro) de Ferreira do Valadouro. Estará presente o autor-coordinador da obra Pepe Peinó.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano.
O 112 Galicia tivo constancia do accidente arredor das 13:20 horas deste martes. Segundo varios particulares, dous turismos colidiran no quilómetro 79 da LU-862. Nun vehículo había un ferido, mentres que no outro unha persoa estaba atrapada, aínda que se atopaba en bo estado trala colisión. Desde o CIAE 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Viveiro, á Garda Civil de Tráfico e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Vicedo. Unha vez no punto, a dotación de bombeiros puido liberar á persoa atrapada.
A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.
Alí salientou o papel que desenvolve este evento no impulso dos produtos agroalimentarios de proximidade, ao tempo que favorece as canles curtas de comercialización. Destacou tamén a importancia deste mercado, considerado como un dos máis antigos da provincia de Lugo, xa que ofrece unha ampla mostra dos principais oficios de artesáns da Idade Media. Ademais, permite aos asistentes gozar de actividades variadas e degustar produtos agroalimentarios diversos.



