- O eurodeputado Adrián Vázquez e o deputado nacional mariñán Jaime De Olano mantiveron un encontro en Ribadeo co alcalde, Dani Vega
Puxeron en valor a relevancia dos fondos europeos para o desenvolvemento de proxectos por parte das administracións locais; ademais de abordar distintas iniciativas que favorezan o impulso económico dos Concellos e ás que dará traslado o popular no Parlamento Europeo. Trala recente constitución da Eurocámara, Vázquez cumpre o seu compromiso de iniciar en Ribadeo a súa rolda de visitas aos municipios da provincia de Lugo. Dani Vega agradece o xesto e subliña que Ribadeo “é porta de entrada a Galicia, do Camiño Norte e tamén porta de entrada dende Europa”.
- A hostalería de Mondoñedo propón un sábado de 'Troula e Degustación'
Será este 27 de xullo con música tradicional e degustación de petiscos da horta local. Ao mediodía actuación musical de Souto Ximaro. Locais participantes: Cervexaría Abadía, A taberna de Galiana, A Cova, Bodegón A Catedral, Faragullas, O Palique, Viñoteca Segundo, O Rincón, O Petisco e O Porriño.
- Convenio da Deputación co Concello de Trabada
Na Xunta de Goberno deste venres saíu adiante un acordo co municipio de Trabada para a construción dun centro social na Ría de Abres. Para levar a cabo este proxecto, a institución provincial achegará 190.000€ e o Concello asumirá unha cantidade de 6.253,60€. Pablo Rivera destacou que “será un edificio de planta baixa, en forma rectangular, que contará con salón social, baños e diversas zonas comúns para realizar actividades”.
- O alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, asistiron este xoves en Santiago á misa na honra de Rosalía de Castro en San Domingos de Bonaval
A Coral Polifónica de Ribadeo interpretou un repertorio de música sacra na eucaristía e de música galega na ofrenda floral. O Concello de Ribadeo participou por primeira vez na devandita ofrenda floral na capital de Galicia.
- O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, participou este mércores na aldea das Aguias, no concello de Muras, na inauguración da exposición fotográfica A Malla de Pascual 1957
Esta mostra, que pode visitarse ata o 27 de outubro, exhibe unha serie de fotografías realizadas polo oftalmólogo e poeta galego, Antón Beiras, e amosa “un retrato magnífico do agro galego a cabalo de dúas décadas”, subliñou Carlos López. Na súa intervención o Deputado tamén destacou que “Antón Beiras é un exemplo dese conxunto de galeguistas ilustrados que entenderon de xeito transversal a loita pola nosa cultura”.
- Daniel Vega felicita o Día de Galicia con tres ideas: traballo, constancia e amor pola terra
Na véspera da celebración do Día de Galicia o alcalde ribadense, Daniel Vega, felicita esta data aludindo a tres ideas: traballo, constancia e amor pola terra. O rexedor declarou: “no Día de Galicia pensemos en tres palabras: traballo, constancia e amor pola nosa terra. Así seguiremos avanzando. Feliz Día de Galicia”.
- As crianzas desfrutaron este mércores de inchables na Praza dos Campos de San Cibrao, dentro de Enredando no Verán
A próxima semana as noites alternativas estarán protagonizadas polo Fútbol 3x3, a partir das 20:00 horas, na Praza dos Campos.