12 de Xullo de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Deputación comezou a investir 1,2 millóns de euros no arranxo dos danos causados polo temporal

14-06-10

A MARIÑA .- A Deputación anuncia que comezou a investir 1,2 millóns de euros no arranxo dos danos ocasionados na Mariña pola borrasca Doris. As máquinas do Parque Móbil trasladáronse en menos de 10 horas á Mariña, onde permanecerán mes e medio para arranxar as vías municipais, o rápido dispositivo despregado fixo que dende o sábado se puidese circular con normalidade polas estradas provinciais, a excepción dunha en Foz e outras dúas en Ribadeo e Pontenova, nas que se está a traballar ininterrompidamente, explican

Nota de Prensa

A Deputación comezou a investir 1,2 M€ no arranxo dos danos ocasionados na Mariña pola borrasca Doris

– O rápido dispositivo despregado fixo que dende o sábado se puidese circular con normalidade polas estradas provinciais, a excepción dunha en Foz e outras dúas en Ribadeo e Pontenova, nas que se está a traballar ininterrumpidamente

– As máquinas do Parque Móbil trasladáronse en menos de 10 horas á Mariña, onde permanecerán mes e medio para arranxar as vías municipais, aforrando 300.000 euros ós Concellos

– Técnicos provinciais están a supervisar esta semana a zona para coordinar cos Concellos o plan a seguir, que o Presidente lles presentará ós Alcaldes o vindeiro luns

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, e o Alcalde de Burela, Alfredo Llano, supervisaron este luns os traballos que están a realizar as máquinas do Parque Móbil para reparar os danos producidos pola borrasca Doris dende a madrugada do pasado mércores nas vías municipais deste Concello. Gómez Besteiro anunciou que, en total, a Deputación destinará ó arrranxo das estradas locais e provinciais 1,2 millóns de euros, dos que 900.000 euros corresponden ós danos producidos na rede viaria provincial e 300.000 ós traballos que realizarán ás máquinas da Deputación para o arranxo das vías municipais.

O titular provincial subliñou que “a Deputación actuou coa máxima celeridade, xa que a borrasca iniciouse na madrugada do mércores e as máquinas do Parque Móbil trasladáronse en menos de 10 horas a este municipio, cancelando todos os restantes traballos previstos na provincia”. Neste senso, o máximo mandatario provincial sinalou que “lamentablemente a Mariña foi a grande perxudicada, e este Concello é unha das zonas 0”.

Gómez Besteiro anunciou que as máquinas do Parque Móbil permanecerán na Mariña durante un mes e medio para arranxar os danos producidos na vías municipais dos Concellos afectados. En total, traballarán na zona 3 equipos de rego, formados por 3 cisternas de emulsión asfáltica, 2 camións gravilleiros e 3 apisonadoras, ademais de 2 equipos de limpeza, compostos por 2 motoniveladoras, 2 camións basculantes e outras tantas palas. Asimesmo, técnicos da Deputación desprazaranse esta mesma semana á Mariña para coordinar cos Concellos as actuacións do Parque Móbil a seguir nos vindeiros días, e o luns Gómez Besteiro reunirase con todos os Alcaldes para presentarlles o plan consensuado.

Trátase dunha medida máis de cooperación cos municipios por parte do Parque Móbil. Os traballos que as máquinas levarán a cabo suporán un custe para o organismo provincial duns 50 millóns das antigas pesetas. “Deste xeito, a Deputación axuda a que esta zona da provincia recobre a normalidade, ó tempo que lle aforramos ás arcas municipais o custe da contratación dos traballos”, subraiou Besteiro.

900.000 euros de danos na rede viaria provincial

Dende primeiras horas da mañá do xoves a Deputación despregou un amplo dispositivo formado por preto dun cento de operarios e máis de 60 vehículos para atender as incidencias producidas pola forte borrasca que obrigou a pechar ó trafico 22 estradas de titularidade provincial por asolagamentos, desprendementos de taúdes e de pontes ou caídas de árbores durante o temporal. Son as seguintes: Cervo (CP 1505), Ourol (CP 6502), Viveiro (CP 6604), Ribadeo (CPs 5203, 5204, 5209, 5205 e 5207), Trabada (CPs 6101, 6103, 6104 e 5204), Lourenzá (CP 2801), A Pontenova (CP 4809), Foz (CP 2007), Meira (CP 3003), Cospeito (CP 1703), Bóveda (CPs 0907 e 0910), Páramo (5705), Paradela (CP 4203 e a de San Facundo).

A celeridade do dispositivo xa permitiu cuantificar os danos. As intensas choivas provocaron importantes destrozos en toda a rede viaria provincial, valorados en 900.000 euros. Durante os últimos días as empresas ás que a Deputación adxudicou a Conservación da súas estradas traballaron de xeito ininterrumpido para restablecer a situación na provincia e, principalmente, na Mariña. De feito, durante o día do sábado xa quedaron todos os viais limpos e tan só, nestes momentos, permanecen cortados tres: a CP 5204 en Ribadeo, onde as choivas ocasionaron o derrubamento da ponte que unía as parroquias de A Ponte e de Arante, e as CPs 2007, en Foz, e CP 4809, en Pontenova, por fundimento da calzada. Para a execución dos traballos, a Deputación realizará unha proposta de emerxencia, de tal xeito que en Foz e Pontenova poderase circular con normalidade no prazo dun mes. No caso do de Ribadeo, por ter unha maior afectación, a Deputación realizará un proxecto de obra para a reconstrución da ponte que sofriu importantes danos estruturais, situada á altura do punto quilométrico 0,150. Esta actuación terá un investimento de 150.000 euros e un prazo de execución 3 meses.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive