13 de Agosto de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Plataforma Sanitaria anuncia novas mobilizacións se o PP non cambia os seus plans para a sanidade

26-06-10

BURELA .- A Plataforma Sanitaria cifra en 10.000 persas que participaron na manifestación de Burela e agradece aos asistentes a  participación. O colectivo anuncia “novas mobilizacións se o PP  non cambia os seus plans para a sanidade da costa”.

Nota de Prensa

O colectivo anuncia novas mobilizacións se o PP  non cambia os seus plans para a sanidade da Costa

A Plataforma Sanitaria agradece aos preto de 10.000 mariñaos a súa participación na manifestación de Burela.

A Plataforma Sanitaria da Mariña agradeceu aos preto de 10.000 veciños de A Mariña a súa participación na masiva marcha celebrada hoxe en Burela en defensa do hospital da Costa e do mantemento dos servicios sanitarios na Mariña. Os membros da Plataforma destacaron o importante apoio popular ás reivindicacións sanitarias por parte da cidadanía tal que se comprobou coa mobilización de hoxe, a máis importante en participación da historia da Mariña despois da celebrada polos sucesos do Casón, o que deixa claro o sentir unánime dos veciños da Costa en defensa dos seus servicios médicos. Neste sentido quixeron destacar que á marxe do aspecto cuantitativo da participación, que deixou pequena a Praza da Mariña onde non puideron entrar parte dos manifestantes, o aspecto cualitativo posto que a pesar das presións, das chantaxes  e das mentiras a que foron sometidos por parte do PP a cidadanía respondeu dando un exemplo de dignidade democrática.

Os colectivos e individuos que conforman a Plataforma quixeron esixir diante do clamor unánime da Comarca un cambio de rumbo na política sanitaria da Xunta de Galiza e nese sentido volveron a esixir da Consellaría de Sanidade que de marcha atrás cos seus planos. Neste sentido esixiron que a Xunta rectifique e asuma as reivindicacións da sociedade Mariñá que se concretan nunha área de Xestión Integrada Única propia da Mariña cun xerente de Area Integrada Única de Burela e non un Xerente Executivo que sería unha mera figura representativa así como nunha aposta firme e decidida por esta comarca coa ampliación real do Hospital da Costa e número de camas, implantación da Unidade de Oncoloxía, ampliación de Hemodiálise, pleno funcionamento da Consulta Maior Ambulatoria, unha Resonancia Magnética fixa, a hospitalización a domicilio, a posta en funcionamento dos servizos de tarde, os aumentos de plantilla e por suposto o reforzo e mantemento de tódolos servizos  e unidades existentes tanto de Atención Primaria como de Especializada. A Plataforma Sanitaria da Mariña volveu a incidir que a Xunta de Galiza e o Partido Popular deben saber que calquera posición que non pase por asumir estas demandas vai seguir a contar co rexeitamento dos mariñaos e indicaron que a mobilización de hoxe non fecha a porta ningún proceso mobilizador senón que significa o inicio da loita dos mariñaos polas súas demandas en materia sanitaria.

A Plataforma Sanitaria considera que a manifestación de hoxe deixa en evidencia a aqueles que quixeron ver partidismo diante das demandas sanitarias e escenifica que o PP e a Xunta de Galiza quedou só na Comarca á hora de defender o seu modelo sanitario. Mesmamente exemplifica o grande exemplo de democracia que hoxe os mariñaos lle demos a todos os galegos e galegas, exercendo de cidadáns e persoas libres, exercitando a dignidade e reclamando o que nos é noso. Sería logo bo, que a Xunta e o PP tomen nota de que a súa campaña de intoxicación masiva e de medias verdades non funciona coas xentes da nosa comarca e sería tamén o momento de pedir desculpas a todos os mariñaos polas mentidas verquidas por representantes do PP e responsábeis da Consellaría de Sanidade. Temos claro que non nos merecemos uns representantes públicos que non só xogan a enganar a cidadanía, que non lle dá solución aos seus problemas sanitarios dos seus veciños e que aínda por riba xogaron estes días a insultalos e a faltarlles ao respecto.

Xa por último a Plataforma Sanitaria quere facer chegar a opinión pública que continuará  coa súa loita en defensa da sanidade e da calidade asistencial que nos merecemos os veciños e veciñas do norte galego.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive