21 de Outubro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O BNG demanda na Mariña un plan de actuación concreto para os danos do temporal

16-06-10

NOTA DE PRENSA:
GUILLERME DEMANDA NA MARIÑA UN PLAN DE ACTUACIÓN CONCRETO TRAS OS DESPERFECTOS DO TEMPORAL “QUE NON SEXA SIMPLEMENTE UN ANUNCIO DE ACTUACIÓNS QUE LOGO NON SE EFECTIVIZAN”

“Presentamos xa iniciativas, tanto no Parlamento galego como no Congreso dos Deputados, instando aos respectivos gobernos a tomar medidas para paliar os problemas ocasionados en infraestruturas e en propiedades particulares”

Santiago de Compostela, 16 Xuño 10. O portavoz nacional, Guillerme Vázquez, visitou esta mañá as zonas afectadas polo temporal na Mariña lucense. Alí, afirmou, en declaracións aos medios, que “en consonancia co que temos presentado no Parlamento galego e no Congreso dos Deputados, demandamos un plan de actuación concreto, que non sexa simplemente un anuncio de actuacións que logo non se efectivizan”.

Na visita a Ponte de Arante, en Ribadeo, que aínda permanece pechada ao tráfico a causa do derrubo ocasionado pola enchente do río, estivo acompañado do alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, e do responsábel comarcal, Antonio Veiga, entre outros.

Con posterioridade, Guillerme Vázquez mantivo un encontro con veciños e veciñas afectados polas inundacións, na praza do Souto, en San Miguel de Reinante, Barreiros, quen lle transmitiron ao portavoz nacional a súa situación derivada das enchentes que provocaron importantes danos materiais e cuantiosas perdas económicas en propiedades privadas, comercios, colleitas e explotacións agrogandeiras, entre outros.

“É realmente digno de destacar o papel que o alcalde de Ribadeo xogou para resolver os problemas creados aos veciños e ao concello”, sinalou Guillerme Vázquez.

Así, demandou diversos elementos de actuación, “tanto a Administración autonómica como a Administración central teñen que poñer medios e axudas para corrixir problemas causados polas riadas destinada a moitos dos prexudicados”. “Os concellos teñen necesidade para resolver moitos dos problemas que hai, e son necesarias axudas extramunicipais porque, do contrario, non se poderán facer cargo dos problemas que existen”, explicou.

“Demandamos que as administracións se impliquen achegando medios económicos, non só materiais, na resolución dos danos causados, nas propiedades públicas e nas particulares”, afirmou. “Nós demandamos apoio aos concellos e, neste caso, ao Concello de Ribadeo, para que poida actuar consecuentemente na resolución dos problemas”, engadiu.

Plans de limpeza dos ríos e construción de infraestruturas

“O estado no que se atopan estes ríos tivo bastante que ver cos problemas causados”, dixo, cómpre que “os cauces dos ríos estean en boas condicións e elaborar plans de limpeza para que os leitos poidan dar curso ás augas”.

Sobre a construción de infraestruturas, sinalou que “moitas veces non teñen en conta a natureza en si mesma, onde se está procedendo nalgúns casos a variar os cursos naturais dos ríos ou regatos e logo acaban provocando problemas, neste concello e noutros moitos lugares”. “Dunha vez por todas as administracións que as executan e os técnicos responsábeis terán que ter en conta que a natureza ten as súas características”, engadiu.

“Presentamos xa iniciativas, tanto no Parlamento galego como no Congreso dos Deputados, instando aos respectivos gobernos a tomar medidas para paliar os problemas ocasionados en infraestruturas e en propiedades particulares”, explicou.

Demandas do BNG no Parlamento de Galiza

Pola súa parte, os deputados Carlos Aymerich e Fernando Blanco presentaron tamén unha proposición non de lei no pleno do Parlamento de Galiza, para instar ao Goberno da Xunta a reparar os danos de titularidade autonómica que foron afectados por estas inundacións.

Solicitan, ademais, abrir liñas de axuda extraordinarias tanto para os concellos afectados, a fin de que poidan facer fronte aos gastos derivados para dar resposta a esta situación de emerxencia, como para os particulares e negocios que sufriron danos nas súas propiedades ou actividades económicas como consecuencia das inundacións.

Instan tamén a facilitar unha partida extraordinaria a cargo do ente “Augas de Galiza” a fin de proceder á limpeza dos ríos da zona afectada así como a concertar obras de mellora da rede de saneamento cos concellos afectados.

Demandas do BNG no Congreso dos Deputados

O deputado Francisco Jorquera presentou unha proposición non de lei no Congreso dos Deputados, na que insta ao Goberno a proceder a reparar, coa máxima urxencia, as infraestruturas e bens de titularidade estatal que se viron afectados polo temporal.

Na iniciativa solicita tamén habilitar un fondo especial para os concellos afectados da comarca da Mariña, para que poidan facerlle fronte aos elevados custes polos destrozos provocados polo temporal. Ademais, insta a mellorar a rede de canalización das augas pluviais nas áreas lindeiras cos tramos da A-8 e a proceder, a través da Confederación Hidrográfica do Cantábrico, á limpeza e restauración do río Eo e dos seus afluentes.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive