21 de Febreiro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Inaugurase en Ribadeo a exposición itinerante “Mulleres, Pintoras, Artistas, Lucenses”

22-07-10

RIBADEO .- O xefe territorial de Cultura e Turismo da Delegación Territorial de Lugo, José Carlos Rodríguez Andina, participou hoxe en Ribadeo, no forte de San Damián, na inauguración da exposición pictórica itinerante Mulleres, pintoras, artistas, lucenses, coa que se pretende “dar a coñecer e promover o traballo das mulleres non só na arte, senón tamén noutros ámbitos como a política, a empresa ou a familia”.

A mostra, organizada pola Delegación Territorial de Lugo o pasado mes de marzo con motivo da celebración do Día da Muller Traballadora, chega a Ribadeo dende o veciño concello de Cervo, onde puido visitarse ata o pasado 15 de xullo, e nos próximos meses pasará polos municipios de Sober, Quiroga e Outeiro de Rei.

O obxectivo da exposición é, como lembrou Andina, “dar a coñecer, a través da arte, o traballo que realizan as mulleres e reivindicar a súa inclusión en condicións de igualdade en tódolos campos de actividade”.

Neste sentido, o xefe territorial destacou “o entusiasmo co que as artistas acolleron esta iniciativa”, na que colabora ademais a Secretaría Xeral de Igualdade. Andina tamén quixo expresar o seu agradecemento aos concellos que ao longo de todo o verán irán acollendo esta mostra pictórica itinerante e que, coa súa colaboración, farán posible que veciños e visitantes de toda a provincia poidan gozar desta iniciativa.

Pegada local

A exposición está formada inicialmente por 24 obras doutras tantas artistas, ás que se agarda que en cada unha das localidades se sumen os traballos dalgunha pintora local coa finalidade de ofrecer unha panorámica o máis completa posible do labor artístico realizado polas mulleres de Lugo.

As artistas que participan na mostra son Xosefina Alvarez Pol, Sabela Arias, Blanca Besteiro, Ana Carballo, Eva Corral, Luz Darriba, Fina Eiros, Gabriela Fole, Inmaculada González Salvadores, Dolores Guerrero, Mercedes Hernández Ruíz, Flor Longo Huelga, Jovita López Veres, Luz López, Estefanía Novo, Pilar Palmeiro, Concepción Paz Montenegro, Luisa Paz Montenegro, Elena Pendás, Xedes Peón, María Luisa Pérez Novoa, Hortensia Santamarina, Vanessa Somoza e Martha Torres. Na edición de Ribadeo, cóntase coa participación de Miriam Noemí Ferreyra Paizal, pintora afincada nesta localidade.

O resultado é unha mostra moi heteroxénea, que ten o seu reflexo na diversidade de técnicas e estilos pictóricos, que van dende o arte figurativo á abstracción e o hiperrealismo. O denominador común é que todas son mulleres e todas son lucenses, de nacemento ou de adopción.

A exposición Mulleres, pintoras, artistas, lucenses permanecerá no forte de San Damián ata o vindeiro 8 de agosto, e dende alí trasladarase aos concellos de Sober, Quiroga e Outeiro de Rei nos próximos meses.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive