19 de Agosto de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Medio Ambiente de Cervo asegura que fai mantemento periódico e cíclico das áreas recreativas

28-07-10

CERVO .-  A concelleira de Medio Ambiente do Concello de Cervo, Pilar Armada, asegura que o Concello desenvolve unha programación periódica e cíclica de traballos de mantemento das áreas verdes e de lecer  do municipio “axustándose a un calendario de actuacións marcado polos técnicos municipais”

Nota de Prensa

ARMADA ASEGURA QUE AS ÁREAS VERDES DO CONCELLO NUNCA ESTIVERON TAN BEN DENDE HAI CATRO ANOS

* A responsable de Medio Ambiente asegura que o Goberno local desenvolve unha programación periódica e cíclica de mantemento destas zonas

Cervo, 28 de xullo de 2010.- A concelleira de Medio Ambiente do Concello de Cervo, Pilar Armada, cualificou as criticas socialistas de deficiencias no mantemento das áreas verdes da zona da Atalaia como “pataletas de nenos caprichosos” e asegurou que o Concello desenvolve unha programación periódica e cíclica de traballos de mantemento das áreas verdes e de lecer  do municipio “axustándose a un calendario de actuacións marcado polos técnicos municipais”.

Segundo indicou Armada, a zona criticada polos socialistas foi xa adecentada polo Concello e sinalou que a actitude “oportunista” dalgúns “miembros ou miembras” do PSOE tradúcese “en notas de prensa que chegan tarde e con fotos anticuadas”… “Parece que agora, ademais de querer facerlles a competencia aos reporteiros gráficos, os socialistas tamén pretenden que teñamos aos traballadores facendo garda para que rocen a herba da Atalaia segundo vai medrando” dixo a responsable da área de Medio Ambiente do concello e reiterou que os traballadores municipais están traballando de xeito coordinado en distintas zonas do municipio. “Hoxe están en Río Cobo e cando rematen aí irán á Veiga e ao Faro” insistiu.

Para a edil cervense, as reiteradas denuncias contra as actuacións do Concello en materia de Medio Ambiente e limpeza, “ademais de seren erróneas” non fan máis que fomentar o descrédito da vila de San Ciprián entre os visitantes a esta localidade. “Afortunadamente para nós, e a pesares da insistencia dos socialistas, este tipo de críticas e denuncias sesgadas caen en saco roto entre a veciñanza e tamén entre os visitantes, porque a xente dáse de conta de que o Concello nun estivo tan coidado nos últimos catro anos como o está agora; e todo é grazas ao esforzo deste Goberno local e á inestimable axuda prestada dende a actual Xunta de Galicia; cousa da que non podemos dicir o mesmo da anterior Xunta bipartita ou dos actuais responsables da Deputación Provincial”.

Por último, Armada recomendoulles aos socialistas que “deixen traballar”  ao Goberno local “e que se realmente queren axudar e colaborar para ter un concello mellor, poden por exemplo centrar os seus esforzos en reivindicar o mantemento e a limpeza das estradas provinciais ou solicitar a recuperación dos accesos á praia de Rueta”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive