19 de Agosto de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O conselleiro de Cultura asegura que as salas rehabilitadas do Museo de Mondoñedo resaltan os seus valores

22-12-10

Nota de prensa

Roberto Varela asegura que as novas salas do Museo Catedralicio de Mondoñedo servirán para resaltar “os seus valores artísticos, históricos e culturais”

O conselleiro de Cultura e Turismo asistiu á inauguración das salas rehabilitadas pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. Os traballos centráronse na remodelación dos espazos e o desenvolvemento dun proxecto museolóxico e museográfico

Segundo o conselleiro, “con esta acción queda patente a vocación de Consellería de Cultura e Turismo para traballar na mellora dos Camiños de Santiago e na revalorización do seu patrimonio histórico e cultural”

Mondoñedo (Lugo), 22 de decembro de 2010.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, asistiu hoxe á inauguración na catedral de Mondoñedo de tres salas do Museo Catedralicio e Diocesano do concello lucense, rehabilitadas pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. Roberto Varela destacou a “nova presentación” do Museo da Catedral “froito dun proxecto museolóxico e museográfico encamiñado a destacar os seus valores artísticos, históricos e culturais”. O acto de inauguración celebrado esta mañá contou ademais coa presenza do bispo de Mondoñedo-Ferrol, Monseñor Manuel Sánchez Monge; o presidente do cabido da catedral mindoniense, Pedro Díaz Fernández, e o xefe do departamento de Exposicións da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Francisco Singul.

Na súa intervención, Roberto Varela presentou a Catedral da diocese de Mondoñedo–Ferrol como “un valioso conxunto de escultura, pintura, ourivería e tecidos litúrxicos” e salientou as accións emprendidas pola Xunta de Galicia para “mellorar e recuperar unha serie de espazos anexos ao claustro, deseñouse unha nova formulación museolóxica para a colección e desenvolveuse ao longo de cinco salas unha museografía de calidade”. Segundo o titular de Cultura e Turismo, “con esta acción queda patente a vocación da Xunta de Galicia para traballar na mellora dos Camiños de Santiago en Galicia e na revalorización do seu patrimonio histórico e cultural”.

Este museo foi creado en 1968 e comezou a ser rehabilitado no 2004, nunhas salas que se sitúan no lado oriental do claustro e pódese acceder a el desde o interior da catedral. A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo rehabilitou as salas seguintes, de maneira que o plan museolóxico puidese evolucionar no seu desenvolvemento. A historia e a arte da catedral mindoniense, así como a relixiosidade da diocese, a expresión do culto e o esplendor da liturxia entre a baixa Idade Media e a cultura barroca son as liñas mestras que están representadas no proxecto museolóxico. A adaptación deste discurso aos espazos obriga a unha evocadora viaxe no tempo, na que non hai unha lectura cronolóxica, senón que se busca a operatividade dunha mensaxe aberta e rica en suxestións. Os fondos do museo son de temática variada, entre os que se atopan esculturas de madeira policromada, pintura imaxinería gótica e ornamentos episcopais.

O Museo Catedralicio e Diocesano é, desde a súa inauguración no ano 1969, un dos máis importantes e representativos de Galicia. O inmoble está situado entre a catedral de Mondoñedo e o Pazo Episcopal. Este Museo posúe unha valiosa colección de arte. Entre os seus fondos expostos ao público destacan esculturas, pinturas e elementos litúrxicos que pertencen á baixa Idade Media e ao século XIX.

Os traballos levados a cabo pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo centráronse na remodelación dos espazos do museo anexos á catedral mindoniense. A inversión realizada permitiu o acondicionamento de tres salas e melloras noutras dúas.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive