18 de Setembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Xunta non reparou en Cervo as tubaxes de saneamento dende a riada de xaneiro de 2010 que seguen vertendo ao río Xunco, recorda o BNG

01-02-11

Nota de prensa

O BNG PÍDELLE AO GOBERNO LOCAL QUE SE POÑA A TRABALLAR E SE DEIXE DE FACER OPOSICIÓN Á OPOSICIÓN

Os nacionalistas denuncian que a Xunta aínda non reparou as tubaxes de saneamento dende a riada de xaneiro de 2010 que seguen vertendo ao Río Xunco

Insisten en que Rueda veu a Cervo facer fotos propagandísticas e nin trouxo nada nin levou ningunha petición do goberno local

Cervo, 1 de febreiro de 2011. O BNG cervense insite en que a visita a Cervo da pasada semana do Conselleiro de Presidencia, administracións públicas e Xustiza non valeu mais que para unha foto de propaganda xa que nin trouxo nada nin levou ningunha petición por parte do goberno local cervense. Os nacionalistas xa se queixaron de que o goberno local esquecera lembrarlle a Alfonso Rueda aquela petición dun sub-parque de bombeiros tan necesario para Cervo fai tres anos e que parece pasou á historia para o goberno municipal. Hoxe pregúntanse onde están as urxencias do goberno local e da Xunta para reparar os danos das riadas de xaneiro e xuño de 2010 na Ponte de Figueirido con varias tubaxes inservíbeis e vertendo augas residuais ao Río Xunco sen que ninguén faga nada por amañalo un ano despois.

O saneamento en Figueirido sufriu danos na riada de xaneiro e na de xuño acabou de rebentar sen que ninguén fixera nada por evitar os vertidos de augas residuais ao Río Xunco.

Os nacionalistas demandan a reparación inmediata das tubaxes de saneamento ao seu paso polo núcleo de Figueirido que levan vertendo directamente ao Río Xunco dende fai un ano sen que o goberno local nin Augas de Galiza fixeran nada para solucionalo. O portavoz municipal nacionalista, Xoán Estúa, aclarou que esta tubaxe “resultou danada na riada de xaneiro de 2010 e acabou de rebentar na de xuño do mesmo ano, vertendo sen control augas residuais ao río”. O nacionalista explicou que “na zona hai ate tres tubaxes diferentes e ningunha funciona, ademais de varias arquetas rotas e destapadas, e aproximadamente 100mts de tubaxe dobrada e inservíbel en paralelo ao río”. “Feijoo veu a Cervo o 16 de xuño como Rueda a semana pasada, a facerse fotos propagandísticas e sen ningunha efecto real para o concello”, rematou Estúa.

Reparación inmediata dos danos, eliminación dos vertidos e das tubaxes sobrantes e asentamento do terreo.

Os nacionalistas pedirán ao goberno local que “faga o seu traballo e deixe de facer oposición á oposición”, non e de recibo que un ano despois as cousas sigan igual en Figueirido cando había compromisos tanto do goberno local como da Xunta. Estúa lembrou que no pasado mes de xuño o Pte. da Xunta e o Conselleiro de Política Territorial visitaron Cervo en plenas inundacións; “Feijoo comprometeuse a reparar todos os danos e non o fixo, agora veu Rueda e nin lle lembran os seus deberes”. O BNG pedirá ao goberno local que esixa a Augas de Galiza a reparación inmediata dos danos, a eliminación dos vertidos e das tubaxes sobrantes, así como o asentamento do terreo que foi cedendo sobre o río.

Estúa contéstalle a Chelo Gallego que para cobrar hai que facer algo e non dedicarse a criticar quen non goberna.

En relación ás declaracións da concelleira, Chelo Gallego, os nacionalistas lembran que ten unha dedicación parcial que cobra puntualmente e non se ve reflectida no traballo que fai, “mais ben escaso e de pouca repercusión social”. Para Estúa esta Sra. “ademais de facer algo, pídeselle dedicación aos veciños e non á oposición que xa nos apañamos sos”. Na mesma liña, o nacionalista lembrou que o concelleiro responsábel de obras, José Manuel Balseiro, “para pouco polo concello e non atende ás súas obrigas como responsábel de obras, para dedicarse ás cousas de palacio”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive