O BNG de Burela, a través do seu Consello Local, quer expresar a súa total disconformidade e frontal desacordo co inxusto sistema polo que se concederon subvencións aoscolectivos e asociacións da vila.
Despois de coñecer o sistema escollido polo Goberno Municipal para conceder subvencións a entidades culturais e deportivas, constátase unha vez maís, que o PP, co Sr. Barcia á cabeza, non goberna para todos os veciños e veciñas de Burela, e que o único que procura é a confrontación directa con determinados colectivos.
Non se entende que se dean subvencións nominativas por parte da Administración Local de forma indiscrimida, sen establecer previamente uns criterios e unhas bases públicas que garantan os principios de equidade e transparencia. Independentemente de que se podan subvencionar puntualmente algunhas actividades ou facer convenios de colaboración con determinadas entidades, ese non deber ser o xeito habitual de proceder á hora de conceder subvencións públicas ao conxunto do tecido asociativo.Tampouco podemos estar de acordo en que se concedan subvencións para a anualidade 2013 a través dunha modificación de crédito do mes de setembro, impedindo que se tratase este asunto no debate orzamentario correspondente.
O Goberno Municipal non só fixo unha adxudicación claramente discriminatoria de subvencións públicas e sen ningún tipo de criterio, senón que deixou fóra da reunión convocada polo propio Concello a numerosas asociacións que desenvolven unha importantísima actividade ao longo de todo o ano. Para o BNG de Burela, o Sr. Barcia está a actuar de xeito prepotente ecunha falta de respecto absoluto hacia toda a base social destes colectivos, aos que o Concello ven pedindo colaboración periodicamente para distintos eventos e actividades que teñen lugar en Burela ao longo do ano. Sabemos do esforzo que fan todos estes colectivos por colaboraren en todo o que poden, ademáis das súas propias actividades, e por iso o Concello non pode excluílos agora.
O Sr. Barcia, neste, como noutros asuntos, vai con moito retraso no cumprimento do seu programa electoral e este xeito de actuar só pode ser froito das présas, da improvisación, e das políticas caciquís ás que tan acostumados nos ten o PP. Despois da nefesta actuación do Goberno Municipal neste asunto, o Sr. Barcia debe dar a cara e explicar os criterios que se seguiron para a concesión de subvencións a entidades asociativas e convocar urxentemente a aqueles colectivos que quedaron fóra das subvenciónsno presente ano.