21 de Outubro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Asociación de Veciños de San Miguel inaugura a remodelación da antiga escola habanera de Reinante

15-02-14

escola-barreirosBarreiros, 15 de febreiro de 2014. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, visitou, esta tarde, a antiga Escola Habanera de San Miguel de Reinante, nun acto de portas abertas organizado pola Asociación de Veciños de San Miguel. Durante a visita, puido comprobar de primeira man a remodelación integral do edificio, unhas obras para as que a institución provincial destinou unha partida orzamentaria de máis de 300.000 euros.

Concretamente, a Deputación de Lugo, a través da Vicepresidencia Primeira, aportou un total de 310.775,80, con cargo aos orzamentos en tres anualidades: 125.000 euros en 2011, 95.000 euros en 2012, e 90.775,80 en 2013.

Neste sentido, Antonio Veiga afirmou que “grazas a esta actuación recuperamos un importante ben patrimonial e cultural ao mesmo tempo que se habilita para o uso da veciñanza de todo o Concello de Barreiros, unha proba máis do noso compromiso en materia cultural e de apoio ao tecido asociativo, posto que este inmóbel convértese nun espazo óptimo para que as distintas asociacións e colectivos desenvolvan a súa actividade”.

Todas as veciñas e veciños de San Miguel que se achegaron ata a Escola puideron comprobar de primeira man a melloría que sufriu o inmóbel grazas a esta rehabilitación e á redistribución do espazo. A día de hoxe, a antiga Escola Habanera de San Miguel dispón dunha sala multifuncional, salón de actos con escenario, sala de exposicións, oficinas, espazos pensados para biblioteca e cafetaría, así como os correspondentes vestíbulos e recepción.

A Escola de San Miguel de Reinante é unha construción que data dos inicios do século XX, como as que abundan polas comarcas da Mariña e Terra Chá, malia que destaca polo seu tamaño, con 700 metros cadrados de construción e 500 metros cadrados útiles.

O inmóble, que forma parte da rede de Escolas da Emigración, unha das máis grandes pegadas no desenvolvemento da sociedade e da cultura do País, pódese cualificar de modélico non só pola súa construción, senón tamén polo seu regulamento, posto que foi unha escola moi avanzada á epoca, ofrecendo unha educación laica e totalmente gratuíta.

“Este compromiso da Vicepresidencia da Deputación de Lugo non é algo puntual, xa que vimos financiando a rehabilitación de máis edificios do patrimonio rural lucense que teñan algún cometido social, como centros veciñais ou outras das escolas das parroquias do Concello de Barreiros. A partir de hoxe, e grazas a ese apoio, a Antiga Escola Habanera de San Miguel recupera o seu uso social e cultural, tal e como previron os seus fundadores en 1908” – concluíu Veiga.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive