19 de Agosto de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Xunta aproba a delimitación definitiva do Camiño de Santiago do Norte, Ruta da Costa

27-11-14

consello-xuntaO Consello da Xunta na súa reunión deste xoves deu o visto e prace ao Decreto polo que se aproba a delimitación definitiva do Camiño de Santiago do Norte, ruta da Costa, unha medida que garantirá unha mellor protección dos lugares, edificios e paraxes polos que discorre esta ruta histórica recoñecida na Lei 3/1996, de protección dos Camiños de Santiago.

O Decreto inclúe a inscrición da ruta da Costa no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia coa categoría de territorio histórico; ao tempo que se notifica aos concellos afectados pola delimitación que deberán incorporar o seu trazado e o ámbito do seu territorio histórico aos seus planeamentos urbanísticos, así como a necesidade da autorización previa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para as intervencións que se realicen no devandito ámbito.

O Camiño de Santiago do Norte, ruta da Costa pasa polos concellos de Ribadeo, Barreiros, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Abadín, Vilalba, Begonte, Guitiriz, Friol, Vilasantar, Sobrado, Boimorto, Arzúa e O Pino.

Ademais da ruta da Costa dentro do Camiño de Santiago do Norte, nos últimos catro anos o Goberno galego ten aprobado o trazado definitivo do Camiño Francés; o Camiño Inglés; e a ruta do Interior do Camiño de Santiago do Norte. Ademais, a Xunta aprobou e os tramos do Camiño de Santiago do Norte, Camiño Portugués, ruta da Prata e Camiño de Fisterra ao seu paso polo termo municipal de Santiago de Compostela. Deste xeito, a Consellería de Cultura e Educación reforza o seu compromiso de avanzar na posta en valor das rutas xacobeas.

Antecedentes históricos
Tal como reflicte a documentación histórica, a ruta da Costa mantivo unha especial vitalidade ata o século XVIII, xa que era a elixida por peregrinos que chegaban desde Francia, ou a través dos portos vascos e cántabros de países como Inglaterra, Flandes, Alemaña e Escandinavia, que seguían os trazados das rutas do Norte do Camiño de Santiago, especialmente vinculados ás peregrinacións tamén á Cámara Santa de Oviedo.

A delimitación da ruta que agora se aproba remóntase a estudios previos iniciados nos anos 90, completados con traballos documentais e de campo, etnográficos e antropolóxicos que permitiron elaborar unha proposta fundamentada e coherente cos principios de protección e conservación do patrimonio cultural. Esta proposta foi

sometida a informe do Pleno do Comité Asesor do Camiño de Santiago, que a aprobou por unanimidade en 2013.

Período de alegacións
Posteriormente pasou o trámite de exposición pública, período no cal se presentaron un total de 130 alegacións que os servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural analizaron nos seus aspectos culturais e normativos, e foron contestadas e notificadas de xeito individual. Froito deste proceso e a información e xustificación achegada polos interesados estimouse conveniente incorporar algunhas modificacións en determinados ámbitos, o que confirmou a utilidade do proceso de información pública.

As modificacións incorporadas afectaban aos termos municipais de Ribadeo, Mondoñedo, Abadín, Begonte e Boimorto. Non obstante, apenas supuxeron pequenas variacións tanto do trazado coma do seu territorio histórico, xa que se trataba de pequenos axustes de carácter local e puntual.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive