Partido Popular de Ribadeo.- Desde o Grupo Municipal do Partido Popular de Ribadeo entendemos que os veciños do municipio merecen coñecer, de primeira man, a nosa posición entorno ao debate que está xurdir sobre este novo servizo de benestar.
Os populares defendemos a residencia de Ribadeo, a necesidade de dotar ao municipio dunha infraestrutura para o coidado dos nosos maiores, como demostramos cando gobernamos a Deputación de Lugo, visitando a obra, apoiando e ratificando a continuidade da construción do centro.
Os populares tamén confirmamos, con total rotundidade, que a Xunta de Galicia si está disposta a poñer o diñeiro para colaborar no seu financiamento. Ata tal punto é así, que o Goberno galego xa trasladou –en agosto de 2014, fai quince meses– unha proposta de convenio de colaboración na que se comprometía a investir 500.000 euros para apoiar a obra.
Pero como é lóxico e comprensible, para materializar esa axuda hai que cumprir a lei, porque somos un partido serio e ninguén pode esperar que non a cumpramos. Nós respectamos a opinión de todos os técnicos, os municipais e autonómicos, e as diferentes visións, pero ninguén pode obviar que, en todo procedemento administrativo, tamén naqueles que sigue o Concello, quen decide a documentación xustificativa que debe achegarse é quen dá a axuda e non quen a recibe.
A normativa é moi clara: todos os concellos que desexen prestar novos servizos (como é o caso da residencia) segundo o disposto no artigo 3 da Lei autonómica 5/2014 de medidas urxentes a reforma da administración municipal e no previsto no artigo 23 da da Lei estatal 27/2013 de racionalización e sostibilidade da Administración local, deben presentar un informe de viabilidade e de non duplicidade. Este mesmo requisito aparece no artigo 68 da a Lei 13/2008, de 3 de decembro, de Servizos Sociais de Galicia.
Durante todo este tempo –quince meses transcorreron– o Goberno municipal non achegou ningún destes dous informes. Nin o de non duplicidade, que só precisa dunha simple solicitude ante a Consellería de Presidencia, nin o de viabilidade, que ofrece garantías sobre o destino final desa construción e determina como se financiará e xestionará a futura residencia.
O alcalde de Ribadeo nin enviou estes informes nin foi capaz de desmentir que a Xunta leve agardando todo este tempo por eles, xa que as respostas remitidas polo Goberno local en contestación á proposta de convenio, non incluían esta documentación. O alcalde decidiu impulsar unha estratexia que supón un claro bloqueo, interesado e partidista, á colaboración da Xunta.
¿Por que o Goberno local non quere achegar estes informes?¿Quen lle prohibe poñer negro sobre branco os datos que confirman a viabilidade da nova residencia? ¿Hai quizá un interese en presentarse como falsa vítima en todo este asunto?
O PP de Ribadeo non está defendendo á Xunta de Galicia. Está defendendo a lei e a aplicación da mesma con rigor. A administración autonómica terá que poder xustificar que entrega medio millón de euros para algo máis que para simple cemento e ladrillos, terá que saber como vai a xestionarse e manterse esa futura residencia. Probablemente nesta última pregunta está o cerne da cuestión. Que o alcalde pretende agochar estes datos. Quere que os veciños non sabiamos que para xestionar a residencia a única alternativa é a privatización.
Unha residencia privatizada suporían prazas a prezos inasumibles pola maioría dos veciños de Ribadeo. Elevados prezos que botarían por terra un dos compromisos que no seu día acordamos todas as forzas políticas e sociais presentes na Comisión pro-residencia: que os veciños de Ribadeo tiveran preferencia e acceso ás prazas do futuro centro. ¿É isto o que pretende agochar?
Por riba de todo, o alcalde tamén demostrou ser un mal xestor, pois nunha actitude que nós entendemos de torpeza acordou renunciar á oferta que lle fixo a anterior conselleira de concertar 40 prazas da futura residencia porque preferiu recibir medio millón de euros para financiar a construción. Preferiu ter medio millón de euros agora que 40 prazas pagadas pola Xunta para sempre. Renunciou a recibir, ano tras ano, entorno a 700.000 euros do Goberno galego, entorno a 1.500 euros ao mes por cada praza pública garantizada.
Non se equivoquen, defenderémolo diante de quen sexa necesario. O Partido Popular non mudou nin un só centímetro a súa posición: Queremos unha residencia e queremos que sexa froito da colaboración entre todas as administracións. Nós esixiremos con contundencia que cada que cumpra coa súa parte e compromiso, tamén a Xunta. Pero o que non podemos pedir a ninguén é que incumpra a lei.
Estamos dispostos a mediar entre administracións. Creo que os veciños esixen máis acordos e menos partidismos. Pero para iso é necesario que cada quen poña da súa parte, empezando polo alcalde, que pode mañá mesmo remitir unha documentación que lle esixe a lei, a mesma pola que a Xunta leva quince meses agardando co silencio como resposta. Tampouco ten sentido ir da man dunha comisión que non reclame ao alcalde esta mínima esixencia. Estamos e estaremos en defensa da residencia de Ribadeo.


















A iniciativa xurdiu co obxectivo de xuntar o alumnado que coincidira na EGB, pero axiña se ampliou a todas aquelas persoas que compartiron pupitres e amizades tamén no instituto.
O público, totalmente entregado de principio a fin, amosouno cos intensos e prolongados aplausos que acompañaron toda a actuación. Ao remate, os asistentes expresaron o seu desexo de poder gozar no futuro de novos concertos do artista, que sen dúbida volverán entusiasmar ao público.
Villares subliñou o éxito de convocatoria do evento, que reúne cada ano a numerosos participantes e afeccionados en Ribadeo, “aproveitando o atractivo da ría e do seu porto deportivo para atraer visitantes e complementar co deporte a súa ampla oferta de natureza, patrimonio e gastronomía”. A presente edición estivo dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, con motivo do centenario do nacemento do que fora presidente do Goberno e alcalde honorario do municipio. Ademais das regatas de vela en distintas categorías, celebráronse bautizos de buceo, charlas ou un concurso de pesca, entre outras actividades.
Na xuntanza preténdese analizar a execución das obras, o comportamento da empresa responsable, a problemática dos accesos durante as Festas de Xunqueira e solicitar ao Concello de Viveiro que faga público o proxecto definitivo.
A marcha partirá ás 12:30 horas diante do Concello, percorrerá as rúas peonís do centro e rematará novamente na casa consistorial, onde se lerá un manifesto. A plataforma chama a mobilizarse cunha mensaxe clara: cada bomba destrúe vidas e cada silencio convértenos en cómplices. Defenden que é o momento de saír á rúa para esixir o fin da violencia, o respecto aos dereitos humanos e a liberdade do pobo palestino, lembrando que a presenza das persoas manifestantes é a voz de quen hoxe non pode falar. A convocatoria péchase cun triplo chamamento: non á guerra, non ao silencio e non á indiferenza.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano. 



