18 de Outubro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Deputación e Concello de Xove acordan a mellora e cesión de estradas provinciais

12-06-18

Lugo, 12 de xuño de 2018. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Alcalde de Xove, José Demetrio Salgueiro, asinaron un protocolo mediante o cal o Goberno Provincial e o Concello se comprometen a mellorar conxuntamente as vías provinciais que discorren por dito municipio, para despois cederllas ao Concello. Campos Conde avanzou que “o procedemento que iniciamos ten como obxectivo mellorar a actual rede de vías provinciais no municipio de Xove e no futuro cedela ao Concello, posto que as estradas que a conforman supoñen arterias de comunicación esenciais para a vila e o seu arranxo permitirá mellorar a calidade de vida dos 3.300 veciños de Xove”.

Deste xeito, o Goberno da Deputación executará neste ano a reparación da LU-P-2601 de Xove ao Portiño de Morás na súa totalidade (5,5 quilómetros); e tamén rehabilitará 13,3 quilómetros da LU-P-2604 de Xove por Monte a Valcarría entre 2018 e 2019. Os traballos consistirán na renovación das vías coa limpeza de cunetas, mellora do firme con aglomerado en quente, e renovación da sinalización horizontal e vertical, incrementando a seguridade vial. Ademais na LU-P-2604 tratarase de mellorar tanto o seu ancho como o trazado de curvas perigosas.

O organismo provincial tamén se compromete a redactar e entregar ao Concello de Xove os proxectos de rehabilitación completa das estradas provinciais restantes, agás a LU-P-2603 e a LU-9-2610 que neste momento non precisan reparación posto que foron melloradas anteriormente, para que o municipio acometa con fondos propios as obras. Así mesmo, tramitarase a cesión da Deputación ao Concello de Xove das vías, co fin de proceder de xeito inmediato a dotar os fondos precisos por parte do municipio e licitar as obras restantes.

O protocolo asinado tamén prevé que, unha vez rematadas as obras de reparación por parte do organismo provincial na LU-P-2601e a LU-P-2604 lle sexan cedidas, ao igual que a LU-P-2603 e a LU-P-2610, ao Concello de Xove. Por outra parte, a Deputación fará unha achega ao Concello de Xove por importe equivalente ao custo que represente para o organismo provincial o desbroce da maleza nas vías provinciais neste municipio.

Cómpre sinalar que as estradas provinciais son as arterias viarias máis importantes de Xove, xa que ademais de dar acceso ás distintas parroquias do municipio, constitúen tamén os únicos accesos ás praias e outras zonas de costa, así como á planta de Pescanova, Portiño de Morás, Porto de Portocelo e empresas auxiliares de Alcoa. Isto supón que as estradas da Deputación en Xove soporten unha alta densidade de tráfico durante todo o ano, acentuada durante a época estival.

48 quilómetros de rede viaria provincial
O organismo provincial conta con 10 estradas dentro do termo municipal de Xove cun total de 47.931 metros de lonxitude. Estas son as seguintes: LU-P-2601 de Xove ao Portiño de Morás (5,5 quilómetros); LU-P-2602 do Portiño de Morás ao Prado do Cura (4,7 quilómetros); LU-P-2603 da CC 642 en Xove, por Chao de Aldea, ao de Xove ao Portiño de Morás (217 metros); LU-P-2604 de Xove, por Monte a Valcarría (13,3 quilómetros); LU-P-2605 da Tronca, por Vila, a Tarolo (3 quilómetros); LU-P-2606 de Xove a Rocha (1,5 quilómetros); LU-P-2607 de Cruceiro, por Portocelo, ao Camiño de Xove a Portiño de Morás (9,9 quilómetros); LU-P-2609 de Sumoas, a Toimil (2,5 quilómetros); LU-P-2610 de Vara, pola Praia de Esteiro a Area (4,4 quilómetros); LU-P-6606 de Augadoce, por Faro, a Fontao (2,5 quilómetros).

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive