15 de Xuño de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Con Pólvora e Magnolias. “Camiño de ningún lugar”, por Pablo Álvarez Ramos

02-02-19

Unha nova caravana de migrantes prepárase para saír de Honduras. Programada para o 15 de xaneiro do ano en curso, o suceso da continuidade á migración masiva que tivo lugar en outubro de 2018.
Escapan da pobreza, da violencia e están amparados pola lei para solicitar o asilo.
O presidente Trump di que o único xeito de parala en seco será cun valado poderoso e ben feito. Mentres, ninguén coñece o número exacto de xente que botou a andar o día 15 e cantos máis se lles foron unindo ao cruce por Guatemala, no seu paso por México do sur, até abrirse camiño pola fronteira cos EEUU.
O 28 de xuño de 2009, as forzas armadas, despois de que o presidente Zelaya intentara cambiar a constitución por medio dunha Asemblea Constituínte, procederon á detención do máximo mandatario hondureño.
O fracaso absoluto das receitas político-económicas aplicadas en Honduras logo do golpe de estado do 2009 puxo de manifesto a hipocrisía da Organización de Estados Americanos –OEA-, dos EEUU e do Grupo de Lima.
Ao tempo que se poñía o grito no ceo pola situación de Venezuela e se xustificaba unha intervención militar, o exemplo de Honduras era tan só unha anécdota que comezou a gañar visibilidade cando a ringleira de pobres que fuxía da fame e da miseria foi tal que non se podía ignorar.
Perdan coidado, a única verdade obxectiva de toda esta historia é que non se pode, nin nunca se poderá, poñerlle cancelas ao campo. O resto son todo figuracións e conxecturas.
O principio de non intervención é un fundamento de dereito internacional público que apunta a obriga dos estados de non participar nos asuntos internos de terceiros. Este principio ten por obxecto garantir a independencia das nacións e o dereito de autodeterminación dos pobos.
Un bo exemplo da concreción práctica de dito principio foi a doutrina Monroe, aplicada polo presidente dos EEUU, que se levou a cabo baixo o lema “América para os americanos”.
Pois ben, o recente exemplo da crise en Venezuela e o caso de Honduras ilustran á perfección o mesmo vello e cínico discurso: baixo o eterno pretexto da xustiza, enmascarado polo medio dunha capa de legalidade, agóchase o vello conto do conflito de intereses.
En Honduras camiñan deica a fronteira estadounidense, en Venezuela van camiño de ningún lugar. “As leis gardan silencio cando soan as armas”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive