20 de Novembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A subdelegada do Goberno inspecciona a marcha das obras de acondicionamento do Portiño de Morás

10-07-19

 Xove, 10 de xullo de 2019.- A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, supervisou hoxe a marcha das obras que leva a cabo o Ministerio para a Transición Ecolóxica de acondicionamento do contorno do Portiño de Morás, no concello de Xove. Acompañaron á subdelegada nesta visita o alcalde de Xove, José Demetrio Salgueiro, e o xefe provincial de Costas, José Miguel Estevan.

Isabel Rodríguez informou de que os traballos deste proxecto que desenvolve o Goberno para a recuperación ambiental da zona entran na súa fase final e agárdase que estean rematadas no mes de agosto. Concretamente, os labores pendentes consisten na instalación dunhas varandas, a colocación de cartelería explicativa da actuación e tamén se vai botar terra vexetal para sementar céspede.

A subdelegada lembrou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica desenvolve este proyecto coa finalidade de recuperar para o uso e disfrute de todos os veciños e visitantes unha zona de gran singularidade paisaxística e histórica do concello de Xove.

O proxecto de recuperación ambiental tamén se aproveita para lembrar o importante pasado industrial da zona, pois aquí desenvolvéronse actividades relacionadas coa caza e comercialización de baleas e tamén foi o lugar no que se fabricaron os dolos, as grandes pezas de formigón que se empregaron, ensamblándoas unhas a outras, para a construción dos espigóns do porto de Alcoa.

Precisamente, unha das actuacións máis chamativas deste proxecto consistiu na recuperación de 8 dos numerosos dolos que foran abandonados, no seu día, nas inmediacións. Quedaron instalados, a modo de recordatorio, na mesma zona na que, por aquel entón, se fabricaban estas pezas. Esta foi unha das actuacións máis complicadas do proxecto xa que as 53 toneladas de peso de cada un dos dolos obrigou, para poder mobilizalos, a contar con dúas grúas móbiles autopropulsadas de gran tonelaxe, de 130 toneladas cada unha, ademais dunha cabeza tractora con plataforma.

Este proxecto medioambiental e etnográfico inclúe, tamén, outras actuacións como a creación dun paseo peonil, o soterramento de todo o cableado de electricidade e telefonía e o acondicionamento do acceso á praia. O paseo peonil, de madeira e dotado con mobiliario urbano, aproveita o antigo trazado da estrada, que foi desprazado cara o interior para alonxar o tráfico rodado da zona máis próxima á costa.

O Ministerio para a Transición Ecolóxica desenvolve este proxecto a través da Dirección Xeral de Sostenibilidade da Costa e do Mar. Para facelo posible, o Ministerio está a facer un investimento de 360.000 euros. As obras comezaron en decembro pasado e a execución foille encomendada á empresa pública Tragsa.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive