09 de Agosto de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Concello de Burela, xunto a Ledicia e a Moncloa, promocionará a Feira do Bonito en Salamanca este sábado, 20 de xullo, no centro galego

16-07-19

 Burela, 16 de xullo de 2019. O Concello, xunto a representantes de Ledicia e a Moncloa, estarán este sábado, 20 de xullo, no Centro Galego de Salamanca para facer promoción da Feira do Bonito e dos atractivos turísticos da localidade. O acto no Centro Galego está previsto para as 18:30 horas e despois, nun restaurante da cidade, terá lugar unha degustación de bonito, desde as sete ata as nove da noite. Absa enviará a ese establecemento uns 20 quilos de túnido para o seu cociñado en diferentes preparacións.
O alcalde burelés, Alfredo Llano, anunciou que “o sábado, día 20, imos ir a Salamanca un grupo de xente constituído por representantes do Concello de Burela, a sociedade cultural Ledicia e máis A Moncloa, que é unha asociación de mariñeiros xubilados relacionados dalgunha maneira con asuntos da pesca e do mar”.
O rexedor explicou que “imos ir ao Centro Galego de Salamanca a facer unha promoción e dar información do que é Burela e do que representa a pesca para a vila. Imos facer unha degustación, nun restaurante, con diversas formas de como preparar o bonito de Burela. Esta é unha promoción que víñamos facendo en distintos sitios para acadar o título honorífico de festa de interese turístico nacional para a Feira do Bonito. Como xa tíñamos apalabrado ir a Salamanca, imos ir alí cunha boa promoción e degustación, ademais de información do que é Burela e a pesca artesanal que estamos desenvolvendo para pescar a merluza, o bonito e calquera especie”.
Llano dixo que “imos invitar a moita xente. Xa hai confirmación de varios representantes institucionais e artísticos. Imos facer unha boa promoción nese Centro Galego e imos darnos coñecer. A xente da Moncloa vai preparada para contar a historia da pesca no noso concello, como foi evolucionando, cales foron as especies máis importantes e a importancia que tivo no noso concello a pesca do bonito. Queremos que se nos recoñeza. Ademais agora queremos promocionar a Burela a través da feira de interese turístico nacional”.
O alcalde sinalou que “esta iniciativa tamén está apoiada pola Fundación Expomar, como é normal porque queremos poñer en valor todo o que sexa relacionado coa pesca. Ademais, a través de Absa, vanse enviar arredor de vinte quilos de bonito ao restaurante para a degustación que imos ofrecer e que o preparen de múltiples formas, depende da imaxinación do cociñeiro. Tamén deixaremos no Centro Galego folletos de promoción de Burela para que motive as visitas ao noso concello”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive