21 de Outubro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

“Madrid ten que darlle luz á Mariña lucense xa!”, por Alfonso Villares

28-09-19

Máis que nunca necesitamos que todos os mariñáns esteamos xuntos. Creo que aínda non nos damos conta da importancia que teñen estes tempos cara o devir do futuro da nosa comarca. O feito de que fai máis de 40 anos que temos a empresa de aluminio pode crearnos a sensación a moitos de que nada pode cambiar, ao igual que todos os días sae o sol e cando este se esconde ven a noite.
Pero esta situación pode mudar e a empresa pode deixar de estar aquí se non se dan as circunstancias que ata entón se deron. O Estado español sempre garantiu as condicións necesarias para que a enerxía que necesita a fabricación do aluminio tivese un prezo competitivo no marco europeo. Pero fai máis dun ano que isto non está pasando e o prezo da enerxía para Alcoa San Ciprián é o dobre que no resto de Europa, o que representa o 18 % da prezo de venta do aluminio. Cuantiosas perdas que poden facer que alguén tome a decisión do peche da nosa fábrica.
E tamén é importante que non nos enganemos pensando que poda haber outras empresas interesadas na fábrica da Mariña.
Os casos de Avilés e A Coruña son totalmente distintos aos nosos. Alí non se produce aluminio primario, prodúcese un aluminio secundario cuxos custos de produción son moito menores que os nosos. E por outra parte o grupo inversor que comprou estas fábricas só garante a produción deste aluminio durante dous anos. Máis de alí non se sabe. Pero do que si estou seguro é de que o interese deste grupo inversor non é a produción de aluminio, senón a adquisición de solo industrial en dúas zonas urbanas importantes como son as de A Coruña e Avilés. Seguramente con máis importancia especulativa a Coruñesa que a Avilesina, pero nos dous casos este fondo adquiriu dous solos industriais en zonas urbanas. Zonas urbanas que van ser onde se asenten en poucos anos o 70 % da poboación mundial, segundo un estudo feito pola ONU. Polo tanto o valor do solo industrial en Avilés e A Coruña é o verdadeiro interese do grupo Partner para adquirir esas fábricas.
Pero no noso caso non é así. O noso solo industrial non ten nin por asomo ese valor, nin se lle achega. A Mariña de Lugo depende unicamente de que se siga producindo aluminio primario. Esta realidade que temos dende fai 40 anos é a única posibilidade de seguir mantendo as cotas de benestar social que posuímos ata o momento.
Máis de 1.200 postos de traballo directo. Máis de 500 postos indirectos, incontables postos de traballo nos sectores de servizos, comercios, restauración… incontables servizos públicos que nos aporta esta fábrica de aluminio… moitos postos de traballo no sector da educación, na administración local, na sanidade……. Ao fin e ao cabo, falamos dunha empresa que xera o 32 % do PIB da provincia.
Todos os mariñán temos que ser conscientes desta realidade, e non podemos poñernos unha venda nos ollos, nin pensar que esta posible circunstancia non nos vai a afectar.
O posible peche da fábrica vai afectar a todos, absolutamente a todos. Pero o que non imos facer é perder a esperanza. Todos xuntos temos que reivindicar o noso. E como dixen máis veces, non vamos contra ninguén. Imos facernos escoitar, para que dende o Goberno central tomen as decisións necesarias como xa se tomaron no pasado. Decisións que garantan a supervivencia da nosa Comarca. Decisións nas que ninguén se pode escudar en que un goberno estea en funcións ou non, porque calquera goberno en funcións pode sempre excepcionalmente tomar aquelas decisións que afecten dun xeito importante a persoas, e neste caso, son as persoas de toda unha provincia, son as persoas de toda unha comarca as que necesitan urxentemente unha solución para o seu futuro.

Alfonso Villares, alcalde de Cervo. @AlfonsoVillares

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive