28 de Novembro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Xunta e os traballadores de Alcoa San Cibrao defenden que o goberno debe activar xa a mesa industrial e fixar un prezo eléctrico competitivo

30-10-19

 Xove, 30 de outubro de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe nunha reunión entre a Xunta, os concellos de Cervo e Xove e mais o comité de empresa de Alcoa San Cibrao para avaliar a situación que atravesa a planta. Tanto Conde como os traballadores reiteraron a petición, que a Xunta xa ten trasladado ao Goberno central en anteriores ocasións, de convocar a mesa da industria electrointensiva -incorporando aos empregados da planta de San Cibrao- e de presentar o estatuto para o consumidor electrointensivo e, deste xeito, desbloquear a difícil situación da factoría da Mariña ao rebaixar o prezo eléctrico.

O conselleiro subliñou a importancia que esta planta ten para a comarca pero tamén para o conxunto da Comunidade, tendo en conta que é a única de España que fabrica alúmina e unha das tres de todo o país que produce aluminio primario, dando emprego a un total de 1.600 familias. O conselleiro incidiu en que a Xunta seguirá ao carón dos traballadores da factoría xa que a prioridade é manter os actuais postos de traballo e a competitividade da empresa.

Para logralo, Alcoa precisa competir en igualdade de condicións que o resto do mercado europeo, ofrecendo un prezo estable e competitivo. Así, Conde referiuse á aprobación das axudas compensatorias por custos de emisións indirectas de CO2 por parte do Consello de Ministros -unha medida que Galicia reclama desde hai meses- e asegurou que non é suficiente para rebaixar un prezo eléctrico que é un 40% superior á media europea.

Así, o conselleiro informou das iniciativas da Xunta incluídas na proposta do Estatuto, como as medidas de carácter fiscal – a supresión do imposto do 7% á xeración eléctrica a todos os consumidores, sexan grandes empresas, pemes ou particulares; e a eliminación do céntimo verde ao carbón-, redución de cargas e peaxes e incorporación da categoría do consumidor hiper-electrointensivo; ademais de sumar a taxa de interrompebilidade para rebaixar o prezo ata os 35/40 euros MWh. Medidas avaladas tanto polo comité de empresa de Alcoa San Cibrao, como pola Asociación Española de Grandes Consumidores Enerxéticos.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive