27 de Novembro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O PP defenderá na Deputación de Lugo o dereito dos pais a elixir centro educativo, cuestionado pola ministra de Educación

22-11-19

 Lugo, 22 de novembro de 2019. A máxima responsable do Partido Popular da provincia de Lugo e voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, trasladou ao delegado de Escolas Católicas de Galicia en Lugo e director do Colexio Divina Pastora Salesianos da cidade amurallada, Óscar Bartolomé, que “o Partido Popular defenderá na Deputación de Lugo o dereito dos pais, cuestionado pola ministra de Educación en funcións, a elixir centro educativo”. Foi no transcurso dunha reunión coa que o PP lucense da comezo a este tipo de encontros con entidades educativas e na que tamén participou o deputado lucense no Congreso e vicesecretario de Participación do Partido Popular, Jaime De Olano, para abordar as recentes declaracións de Isabel Celaá que crearon alarma en gran parte da sociedade española.

O Partido Popular expresou desde o primeiro momento a súa defensa sen cortapisas do dereito dos pais a elixir o tipo de centro que queren para os seus fillos, e, nesta liña, presenta iniciativas en todos os niveis institucionais, dende o Congreso aos Concellos, e á que se suma o Grupo Provincial Popular no vindeiro pleno do martes 26 de novembro.

Os populares sosteñen que “os pais son os primeiros responsables da educación dos seus fillos” e que “ese papel non pode ser substituído nin condicionado polo Estado; ao contrario, os pais deben ter a seguridade de que o Estado protexe e garante os seus dereitos”. O grupo liderado por Elena Candia recorda que “non foi casualidade que no título primeiro da Constitución -De los derechos y deberes fundamentales- figure o artigo 27: Todos tienen derecho a la educación. Se reconoce la libertad de enseñanza”. Así, os deputados populares indican no texto da moción esta cuestión responde á vontade dos constituíntes de que ambos dereitos se encontrasen nun plano fundamental e de igualdade”.

Candia resalta, no mesmo sentido, que “ao longo dos 40 anos de vixencia da Constitución, as diferentes reformas educativas defenderon con maior ou menor paixón ambos dereitos, desenvoltos e reafirmados tamén pola xurisprudencia do Tribunal Constitucional”.

Pola contra, “o último proxecto de lei do partido socialista -a chamada LOMLOE- cuestiona o primeiro gran pacto educativo da Transición ao intentar limitar as liberdades educativas recoñecidas na Constitución”, lembran dende o PP de Lugo indicando que o artigo 27.3 da Constitución Española determina que: los poderes públicos garantizan el derecho que asiste a los padres para que sus hijos reciban la formación religiosa y moral que esté de acuerdo con sus propias convicciones.

Proposta de acordos
As propostas que recollen os populares para debater no pleno da Deputación conclúen na adopción de acordos para “respectar e defender a Constitución Española e a xurisprudencia emanada do Tribunal Constitucional en relación ao artigo 27, que sitúan no mesmo plano de igualdade o dereito á educación e a liberdade de ensinanza, mediante un desenvolvemento harmónico de ambos dereitos”. Así coma “garantir que os pais, como primeiros responsables da educación dos seus fillos, elixan o tipo de educación e o centro educativo onde escolarizar aos seu fillos”.

Igualmente, o Grupo Provincial do PP pretende que a Deputación acorde “defender a rede de centros concertados como garantes da existencia dunha oferta plural complementaria á rede pública, tal e como manifestou o Tribunal Constitucional, e, polo tanto, a liberdade de elección das familias, asegurando a igualdade de oportunidades das mesmas no exercicio deste dereito o que implica que ambas redes, pública e privada-concertada terán que ter os recursos necesarios que aseguren este dereito”.

Do mesmo xeito, os populares propoñen “promover e respaldar a autonomía organizativa e pedagóxica dos centros, respectando o carácter propio dos mesmos, para desenvolver proxectos educativos de calidade que poidan responder ás inquietudes e prioridades das familias, co fin de que estas poidan elixir con total liberdade”.

Entre as propostas de acordo inclúese tamén “garantir a existencia e gratuidade dos centros de educación especial tanto na rede pública como privada – concertada como garantes da liberdade de elección das familias” e “respectar e cumprir o artigo 27º3 da Constitución que obriga aos poderes públicos a garantir o dereito que asiste aos pais para que os seus fillos reciban a formación relixiosa e moral que estea de acordo coas súas propias conviccións”.

Os populares tamén defenden a chamada a “abandonar calquera intento dirixido a suprimir a demanda social do artigo 109.2 da LOMCE como factor determinante por parte das administracións á hora de ofertar as prazas educativas”. E, por último, coa súa iniciativa propoñen “dar traslado destes acordos ao Goberno de España para que, a través do cumprimento de todos os puntos desta proposta, defenda e garanta as liberdades educativas consagradas na Constitución Española”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive