11 de Agosto de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Puy afirma que as medidas adoptadas pola Xunta contra o brote da Covid-19 en A Mariña “foron acertadas”

31-07-20

Santiago, 31 de xullo de 2020. O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe que as decisións adoptadas polo Goberno galego respecto do brote da Covid-19 en A Mariña “foron acertadas”, porque “hai responsabilidade, capacidade de resposta, asesoramento por expertos coñecidos e moita transparencia”. Respecto do inicio do vindeiro curso escolar, Puy fixo unha “chamada á responsabilidade” de toda a comunidade educativa e trasladou unha “mensaxe de tranquilidade” para levar adiante “unha actuación coordenada, conxunta e responsable para minimizar os efectos da crise do coronavirus na educación galega”.

Pedro Puy comezou a súa intervención facendo unha defensa das institucións públicas e sinalou que o recente proceso electoral vivido en Galicia “foi unha boa forma de demostrar que nesta nova normalidade, do mesmo xeito que a xente pode ir traballar e os estudantes ás escolas, os cidadáns poden ir votar”. “O país fixo un gran favor a aqueles que defendemos a democracia indo a votar”, subliñou.

Respecto do brote da Covid-19 que afecta á comarca lucense de A Mariña, o portavoz popular criticou “o intento de instrumentalizar politicamente un problema sanitario” por parte da oposición, “nun momento no que esta Deputación Permanente xa non é representativa da vontade popular expresada nas eleccións galegas celebradas hai dúas semanas”.

PRIMEIRA VEZ NA HISTORIA DO PARLAMENTO

“É a primeira vez na historia do Parlamento galego que despois dunhas eleccións autonómicas e antes de que se constitúa a nova Cámara de representantes de Galicia se celebra unha sesión da Deputación Permanente para pedir a comparecencia do Goberno galego”, asegurou o portavoz popular, quen engadiu que esta situación “representa un indicio de que xa non falamos de 100 días de tregua, senón de menos 31 días sen tregua ata que o novo Goberno galego se poña en marcha”.

Puy manifestou que “a situación de Galicia é mellor que a media do conxunto de España” e lembrou que a día de hoxe hai 288 casos activos logo de realizar máis de 250.000 PCR. Ademais, apuntou que a incidencia acumulada en Galicia de casos diagnosticados por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días é do 6,85, fronte a unha media estatal do 51,11; ao que se engade unha taxa de letalidade das máis baixas de España.

Respecto das medidas adoptadas para o inicio do vindeiro curso escolar, o portavoz popular considerou “excesivo pedir unha comparecencia dunha conselleira que está en funcións e nunha Deputación Permanente que xa non representa aos novos deputados elixidos polos galegos”.

COMPROMISO PARA O INICIO DO CURSO ESCOLAR

Neste sentido, considerou “importante” o inicio do curso escolar, polo que demandou “compromiso por parte dos alumnos e alumnas, dos profesores e profesoras, e os seus representantes sindicais; das asociacións de nais e pais; e da administración educativa, que non dimite das súas responsabilidades”.

Pedro Puy explicou que o protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 nos centros educativos é un marco común que cada colexio pode adaptar á súa propia realidade, en función das súas necesidades e particularidades. Entre as medidas que incorpora figuran o establecemento de grupos de convivencia estable; manter unha distancia interpersoal de 1,5 metros en xeral, agás nas aulas de ESO, bacharelato e FP onde o alumnado poderá permanecer sen máscara cun metro de distancia entre eles e sentados na mesma orientación; o uso obrigatorio de máscaras fóra das aulas; a obriga da limpeza de mans á entrada do centro; e a realización de test serolóxicos de dobre banda a todo o persoal dos centros educativos.

Este protocolo está baseado no aprobado polo Ministerio sobre a base do acordado na Conferencia Sectorial celebrada en xullo e recolle as consideracións realizadas polo Organización Mundial da Saúde.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive