24 de Setembro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O BNG rexistra xa a petición no Parlamento dunha comisión para a reactivación económica e social de Galiza

14-09-20

Santiago de Compostela, 14 de Setembro 2020. O BNG rexistrou hoxe a petición de creación dunha comisión para a reactivación económica e social de Galiza, despois de que nunha comparecencia antes os medios a portavoz nacional, Ana Pontón, declarase que por parte do Goberno do PP e do seu titular non se tivese dado aínda ningún paso adiante tras a oferta de diálogo expresada por Feixóo na sesión de investidura.
En concreto, e en base aos artigos 50 e 51 do regulamento da Cámara, o Bloque solicita a constitución dunha Comisión especial de estudo para acordar un novo modelo que permita a reactivación económica, social e cultural así como blindar os servizos públicos en Galiza.
O tempo pasa sen que a oferta de diálogo do presidente da Xunta tivera até agora máis efecto que ser titular de prensa da sesión de investidura pero, advirte a líder nacionalistas, hai que actuar sen demora porque a situación é crítica para miles de familias e por iso reclama de Feixóo que concrete xa a súa intención de negociación dun acordo a favor de Galiza.
“Estamos nun momento moi complexo que require respostas pensadas desde aquí e rectificar as políticas que están lastrando o futuro da xente,- subliñou-, e quen queira traballar para fraguar acordos útiles para defender este país e os dereitos de galegos e galegas terá sempre a man tendida do BNG”.
Neste sentido, lamenta que aínda non haxa ningún paso adiante por parte do Goberno do PP. “Que demostre que o diálogo anunciado por Feixóo non se quede nun titular de prensa porque non se pode gobernar Galiza a base de titulares cando hai miles de familias que o están pasando moi mal e outras moitas preocupadas polo seu futuro porque as perspectiva económicas non son alentadoras”, alega Pontón.
Por todo isto, “imos ter a man tendida para conseguir acordos que sexan beneficiosos e iso esixe mudar as vellas receitas fracasadas e que o PP veñan ao Parlamento coa vontade de facelo porque con máis do mesmo non imos poder saír adiante”, salientou tras o encontro cunha delegación da CIG, encabezada polo seu secretario xeral, Paulo Carril, para analizar a situación de crise derivada da pandemia, no que tamén participou o deputado Nestor Rego.
Tras o encontro, a líder nacionalista deixou claro que non se poden repetir os erros da crise financeira de 2008 aplicando recortes de dereitos aínda en vigor e, neste sentido, demandou a derrogación das contrarreformas laborais e de Lei mordaza. “Non imos saír con novos recortes, nin aplicando fórmulas fracasadas, -alegou-, insistindo en poñer un marcha un novo modelo económico “verde, baseado na innovación e que poña Galiza a producir”.
Entre as propostas concretas: un novo modelo de financiamento, pois o actual está “caducado” desde 2014, que se traduza nun concerto económico que lle permita a Galiza xestionar o 100% dos seus recursos, así como converter o IGAPE nun auténtico instituto de crédito como paso previo a unha banca pública galega. En materia de financiamento, e no inmediato, derrogación da Lei Montoro de xeito definitivo para que os concellos poidan usar os seus aforros en beneficio da veciñanza, “900 M€ para abordar as emerxencias derivadas da pandemia fronte a proposta recentralizadora do goberno do Estado PSOE-Podemos”, indicou.
Xestión pública recursos enerxéticos
Igualmente, é clave mudar o modelo enerxético e contar cunha tarifa eléctrica galega que abarate o prezo da electricidade para familias e empresas, e que o desenvolvemento de enerxías limpas se faga desde o público empezando por recuperar a xestión das centrais hidroeléctricas a medida que expire a concesión en vigor.
Un piar do novo modelo económico é a investigación e a innovación. Como mínimo, duplicar os fondos para I+D+i na lexislatura até acadar o 2,5% do PIB e poñer en marcha o INNOGAL para captar e reter talento neste ámbito.
Entre as propostas que deberían formar parte dun acordo de país, o BNG inclúe un Plan de galego de reindustrialización dos sectores estratéxicos, unha lei que combata as deslocalizacións e unha estratexia para crear unha rede de pequenas e medianas empresas e pechar os ciclos produtivos no país. Por último a defensa de Galiza ante o Estado e a UE onde se van tomar moitas decisións que afectan directamente ao país.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive