28 de Setembro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Vega censura que o goberno local poña desculpas para non actuar en apoio dos hostaleiros do ocio nocturno

11-09-20

 Ribadeo, a 11 de setembro de 2020.- O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, critica a falta de implicación do alcalde e o goberno local do BNG na procura de solucións para a situación que está a vivir o sector do ocio nocturno. “O goberno municipal o único que fai é poñer paus nas rodas en lugar de concretar medidas para axudar”.

O popular asegura que “é moi importante actuar rapidamente” porque “o sector o está a pasar mal” e traslada “todo o noso apoio a todos os hostaleiros do ocio nocturno ribadense”. Así, advirte que “o sector permanece pechado e, polo tanto, non xera ingresos de ningún tipo. Esta situación non pode prolongarse no tempo”, asegura.

Nese sentido, sinala que “noutros Concellos xa actuaron; pero neste, coma sempre, a culpa é de todos menos do goberno local”, segundo di o voceiro do Grupo Municipal Popular. Vega cre que “é vergoñenta a actitude dos que nos están xestionando. Que se deixen de desculpas. O goberno local pode actuar”, engade.

O Concello si ten competencias
O popular aclara que “o Concello ten competencias sobre as licenzas municipais” como recolle a Lei de Bases do Réxime Local. E engade que “é o Concello o que ten competencias sobre o outorgamento de licenzas, adoptar as medidas excepcionais que considere oportunas como consecuencia da situación de pandemia, ampliar ou reducir o horario dos establecementos ou engadir requisitos ou límites para a apertura de establecementos públicos”.

Así o recollen os apartados b), c), f) e g) do artigo 5 da lei 10/2017, de 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia:

b) Recibir e comprobar as declaracións responsables, así coma outorgar as licenzas que correspondan en relación coa apertura de establecemento abertos ao público”.

c) Adoptar as medidas que sexan necesarias para o desenvolvemento ordenado dos espectáculos públicos e actividades recreativas da súa competencia, sen prexuízo das competencias estatais en materia de seguridade pública.

f) Autorizar as ampliacións ou reducións sobre o horario xeral, en atención a los criterios, supostos e circunstancias que, no seu caso, figuren na orde de horarios prevista no artigo 17.

g) Engadir, dentro das súas competencias e sen prexuízo das que correspondan á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, os requisitos, condicións ou límites para a apertura de establecementos públicos e a celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas no seo das súas ordenanzas municipais.

Compromiso do Goberno galego co sector
O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo recorda que “o peche dos establecementos de ocio nocturno é unha medida que tomou o Goberno de España no seu conxunto como actuación necesaria para frear a pandemia do coronavirus”.

Así mesmo, explica que o Goberno galego se comprometera co sector durante unha reunión celebrada en agosto a que as terrazas dos locais de ocio nocturno comezasen a funcionar antes da reapertura do seu espazo interior.

Así, “a Xunta cumpre o seu compromiso” e hoxe mesmo o DOG publica a modificación do acordo do Consello do 12 de xuño sobre medidas de prevención para facer fronte á crise da covid-19 que permite a apertura das terrazas destes locais nas mesmas condicións que as dos establecementos de hostalería, é dicir, con aforo ao 75% en mesas de non máis de 10 persoas e ata a unha da madrugada sen que estea permitido o acceso a partir das doce.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive