26 de Outubro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Balseiro interésase no Parlamento polo contido e alcance do plan da Xunta para a conservación do Souto da Retorta

17-10-20

 Viveiro, 17 de outubro de 2020.- O deputado do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro, presentou unha iniciativa no Parlamento galego interesándose polo contido e alcance do futuro plan de conservación do Souto da Retorta, un dos espazos naturais máis importantes da Mariña lucense.

Balseiro trasladouse ata este eucaliptal centenario, acompañado do portavoz do Partido Popular de Viveiro, Óscar Rodríguez, para presentar a iniciativa parlamentaria coa que se busca coñecer máis datos sobre este ambicioso proxecto da Xunta para mellorar a protección deste ecosistema natural.

O plan de conversación redactado polo Goberno galego conta xa co aval do Consello Galego de Medio Ambiente, integrado por una amplo abano de representantes da administración, da sociedade e da comunidades científicas, e entrará en vigor unha vez que se aprobe en Consello polo Goberno galego, un trámite que está previsto nas vindeiras semanas.

Obxectivos do plan
Entre os aspectos incluídos no plan, Balseiro pregunta polas actuacións concretas proxectadas para garantir a biodiversidade deste espazo: a mellora da vexetación nas ribeiras do Río Landro, outras para reducir a presión dos visitantes fóra dos sendeiros xa establecidos e tamén sobre as medidas dirixidas a favorecer a vexetación autóctona, coa eliminación progresiva de especies invasoras.

Con todo, as iniciativas que maior interese teñen para o deputado van dirixidas a coñecer que previsións inclúe o plan de conservación para fomentar a participación da poboación no coñecemento deste monumento natural e, nese senso, apunta a importancia de organizar cursos, xornadas de comunicación con escolares e empregar todo tipo medios de difusión, como as redes sociais.

Finalmente o deputado pregunta sobre as medidas proxectadas pola Xunta para o mantemento do bosque, a avaliación científica e periódica da situación sanitaria das árbores alí presentes.

O Avó de Chavín
Na parroquia de Chavín, no municipio de Viveiro, atopamos esta soberbia e singular formación botánica cuxa plantación iniciouse en torno ao ano 1880.

Este bosque naceu para poñer fin ás constantes inundacións que sufría este lugar debido ás frecuentes crecidas do río, afectando á actividade diaria das fábricas. Os eucaliptos axudan desde hai máis de cen anos a drenar o terreo.

O plan de conservación permitirá protexer as singulares plantacións de eucalipto, de finais do século XIX e principios do XX, así como o bosque de ribeira

Neste espazo destaca o coñecido como Avó de Chavín, un exemplar de eucalipto que ten entre 106 e 138 anos de idade, e está catalogado como un das 150 árbores singulares da comunidade. A árbore mide máis de 56 metros de alto e ten case 8 metros de grosor, mentres que o diámetro da súa copa supera os 25 metros.

“Contamos con tesouros de incalculable valor que deben formar parte do legado para xeracións futuras”-conclúe Balseiro.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive